O día antes

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Créditos da imaxe: Fins Eirexas

Da apocalipse. Ou do que sexa. Porque aínda que non o pareza estamos moi lonxe dunha apocalipse. E ao Universo pouco lle importa. Aí estaba antes. Aí está agora. Aí estará despois.

Nesta panorámica aparece a Vía Láctea ao completo, de norte a sur. A nosa galaixa. Por baixo está o areal de Carnota, coa vila de mesmo nome á dereita e o monte Pindo ao fondo. Ollas esa manchiña branca por riba de Carnota? É outra galaixa: Andrómeda. Parece pouca cousa, pero aí hai milleiros de millóns de estrelas e quen sabe se planetas coma o noso.

Mais o que destaca na composición é unha luz moi brillante no centro. Non é unha estrela, é un planeta: Venus. Tan brillante que aparece sobreexposto; a súa luz satura os receptores da cámara dixital. Vai envolto nunha estraña luz con forma cónica que, saíndo do horizonte, se perde ao cruzarse coa Vía Láctea na parte superior da imaxe. O seu nome técnico é o de luz zodiacal. Como todo o que vemos no ceo a súa orixe está nas estrelas. No Sol, neste caso. A luz solar é esparexida polo plano principal do Sistema Solar debido á abundancia de po cósmico que ficou trala formación planetaria. Ese po provoca un efecto semellante, pero moito máis tenue, que os aneis de Saturno.

No extremo esquerdo da imaxe destaca a estrela máis brillante do ceo nocturno: Sirio. Á súa dereita aparecen tres estrelas en liña que forman a parte central da constelación de Orión. Por riba delas vemos unha estrela avermellada, a famosa Betelgeuse, que comeza a recuperar o seu esplendor. Xusto por baixo hai outra fila de tres estrelas moi apertadas e no medio unha pequena mancha, esa é a nebulosa de Orión, que se pode albiscar con prismáticos.A imaxe está feita a partires de 7 tomas de 60 segundos de exposición cada unha, unidas dixitalmente. Empregáronse outras 3 tomas para a parte terrestre. Todas cunha sensibilidade de ISO 1600 e unha cámara Nikon D600 modificada e obxectivo Samyang XP 14 mm a f/2,4. As imaxes para facer esta composición foron tiradas o 13 de marzo desde a praia de Caldebarcos (Carnota, A Coruña); o día antes.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Poderías gostar de...

Xa é primavera nos Ceos Galegos

Xa chegou a primavera ao hemisferio norte, o outono ao hemisferio sur. O equinoccio da primavera é un evento astronómico preciso que acontece ás 22:24

Un Sol con forma de estrela

Nalgunhas fotos o Sol parece unha estrela. Porque é unha estrela. De feito, os anglosaxóns aplícanlle un nome un tanto reiterativo: “sunstar” ou “sunburst”. Estamos

Forzas do ar, terra, mar e lume

Disque nesa pedrafita conflúen todas as forzas do Cosmos. Eis o fito de nome Marco do Vento, sen dúbida moi acaído. O lugar é senlleiro;

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2023