Unha pelica de raposa e un cono

Créditos da imaxe: Pablo J. Martínez Alemparte

As nebulosas son nubes cósmicas. Nubes de po e hidróxeno, case sempre. En moitas delas están a nacer estrelas. A miúdo reciben alcumes imaxinativos, cando os astrónomos xogan a recoñecer as súas formas e cores.

A nebulosa da nosa imaxe ten o nome técnico de NGC 2264. Pero se miramos polo miúdo descubrimos a nebulosa do Cono á esquerda, un grupo de estrelas moi brillantes formando un triángulo deitado que se denomina cúmulo da Árbore de Nadal no centro e unha nube escura e avermellada por baixo da estrela máis brillante que se denomina Pelica de Raposa, na esquerda.

As nubes vermellas son visibles polo hidróxeno excitado coa radiación das estrelas recén nadas. Os electróns dos átomos de hidróxeno reemiten a luz que anteriormente captaron para se excitaren. A zona azul débese a reflexión da luz estelar polo po escuro. As formas caprichosas das nebulosas están orixinados polos ventos da radiación estelar que van erosionando o gas. No caso do Cono, imaxes de maior resolución permítennos ver que se trata dun enorme piar con 2,5 anos luz de anchura no cumio; case a metade da distancia entre nós e a seguinte estrela Proxima Centauri.

O autor foise ata A Veiga (Ourense), aproveitando os escuros ceos do miradoiro estelar da Tablilla para tirar 24 tomas de 5 minutos coa súa cámara Canon EOS 450D(a). Acoplouna a un telescopio reflector 200/100 e fixo tomas adicionais de calibrado, todo a finais do pasado mes de febreiro.

Poderías gostar de...

A eclipse galega de sol (i)

Unha eclipse total de sol é o maior espectáculo que a natureza nos pode ofrecer. Gozar del ao carón do fogar é unha simple casualidade

A Eclipse Galega (i): que imos sentir

Unha eclipse total de sol é, sobre todo, unha experiencia para sentir, para vivir, en solitario ou coa familia ou co grupo de amizades. Independentemente

Desde a caverna

Cando miramos desde o fondo da espenuca, para ollar a realidade, o abraio pode ser maiúsculo. Na nosa imaxe esa sería a realidade fóra das

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026