Érase unha vez… uns asnos no ceo

Vai un contiño?

Cando os deuses partiron á guerra contra os Xigantes, o deus Dioniso, Hefesto e uns sátiros subiron a lombo duns asnos. Cando os Xigantes aínda non os enxergaran os asnos deron en ornear e os Xigantes, ao ouvilos, botaron a correr. En recompensa por esa acción os asnos pasaron a formar parte da constelación do Cangrexo, á zona de poñente. O Cangrexo ten dúas estrelas moi brillantes sobre a súa coiraza, que son os Asnos, e unha nebulosa que se atopa entre este e compón o chamado Presebe; semella estar flanqueado polos Asnos.

Así contaba Eratóstenes no seu “Catasterismos” a razón da existencia da constelación do Cangrexo, pouco destacada entre os Xemelgos e o León. Daba conta ademais da existencia dun dos cúmulos estelares máis achegados a nós, a só 600 anos luz. Hoxe denomínase M44 ou a Colmea, conservando tamén o nome de Presebe por razóns históricas. Aí onde pastaban os asnos do noso conto hai un milleiro de estrelas ligadas entre si pola gravidade. Nacidas probablemente na mesma nube de gas agora andan a se esparexeren polo ceo. Teñen uns 600 millóns de anos de idade, o que vén sendo a preadolescencia. Pensemos que o noso Sol ten uns 4,5 milleiros de millóns de anos.Se Eratóstenes fala deas indica que poden verse a simple vista, como unha pequena nube. Cuns simples prismáticos seriamos quen de diferenciar que hai unha chea de estrelas no seu interior. Nunha imaxe como a de hoxe podemos distinguir incluso os diferentes tipos: as xigantes vermellas e frías (tinguidas de amarelo) e a maioría de estrelas azuis e máis quentes. O autor precisou de 27 tomas de 60 segundos cada unha cunha sensibilidade ISO 1600, e tomas adicionais de calibrado. Empregou a súa cámara Canon 600D a foco primario cun telescopio newtoniano 150/750 desde os escuros ceos de Calvos (Bande, Ourense), a finais do mes pasado.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024