Un helmo cósmico para un deus fantástico

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Créditos da imaxe: Pablo J. Martínez Alemparte

Ao mirar as nubes do ceo, ves formas recoñecibles? Os astrónomos tamén gustan do xogo. Pero, no seu caso, empregan enormes nubes de gas e po perdidas na nosa galaxia. A nube da imaxe de hoxe ten a forma dun casco guerreiro con apéndices a modo de ás. Recibe a denominación de NGC 2359, máis o seu alcume é Helmo de Thor. O deus nórdico contaba cun martelo máxico de gran tamaño, incluso para un deus. Aínda así, non tanto como para poñerse na cabeza este inmenso helmo de 30 anos luz de diámetro. A distancia ata esta nebulosa é de 12 000 anos luz mirando cara a constelación do Can maior.

A explicación chega a ser tamén de fantasía. O helmo cósmico é unha burbulla interestelar inchada polos ventos que, en forma de radiación, proceden da estrela brillante preto do centro da zona tinguida de azul. Ata podemos distinguila ampliando a imaxe. Esa estrela é do tipo Wolf-Rayet, toda unha rareza no zoo estelar. Son estrelas xigantes moi quentes e masivas, probablemente nunha breve fase pre-supernova da súa evolución.

A súa cor azul é característica da presenza dos átomos de osíxeno no gas, coa orixe na perda de dous electróns atómicos. Pero cando os átomos de osíxeno recapturan os electróns perdidos emítense os fotóns que saen da nebulosa, correspondéndose a fotóns dunha lonxitude de onda coincidente coa cor azul. É en realidade un proceso máis complexo que para comprender hai que recorrer á mecánica cuántica, sendo imposible de reproducir en laboratorios terrestres.

O noso autor valeuse dunha cámara Canon EOS 450D(A) acoplada directamente ao telescopo reflector TS 200/1000. Realizou 15 tomas de 6 minutos cada unha con ISO 800, máis tomas adicionais de calibración, para mellorar unha imaxe que xa tomara noutra ocasión só que agora viaxou ao escuro miradoiro estelar das Tablillas (A Veiga, Trevinca).

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Poderías gostar de...

Para que vale unha eclipse lunar?

A resposta curta: para nada. A resposta menos curta: o espectáculo é sempre fermoso. Neste caso, foi unha eclipse parcial, pero tratar de vela entre

A contra luar

Para facer boas fotos é preciso: boa cámara, sentido estético e matemáticas. As matemáticas son útiles en todos os aspectos da vida. Sen saber trigonometría

Un novo mensaxeiro cósmico

O cometa da imaxe descubriuse hai menos de dous meses. O máis abraiante é que o descubriu un astrónomo amador xaponés. Aínda hai espazo para

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2023