As desgrazas nunca veñen soas

Créditos da imaxe: Fins Eirexas

Ninguén o agardaba. Son eventos impredicibles. Pasa de cando en vez e xa está. A nós tócanos agardar. E tratar de gozalos.

A finais de 2019 o Sistema de Última Alerta para Asteroides de Impacto Terrestre ou ATLAS (das súas siglas en inglés) descubriu un cometa novo. Baptizado como ATLAS C/2019 Y4 está a facerse cada vez máis brillante nos ceos do hemisferio norte. Nestes intres anda máis alá da órbita de Marte, a uns 9 minutos luz. A súa coma, ou envoltura gasosa, estímase nun tamaño de dúas veces o de Xúpiter. A pesares do seu enorme tamaño é pouco brillante, polo que está fora do alcance da vista sen aparellos ópticos. Polo momento. Anda pola zona da constelación da Osa Maior e por aí estará todo o mes de abril. Despois, hai modelos que indican que chegará a ser visible a simple vista. E hai quen, incluso, afirma que será máis brillante que o obxecto máis brillante do ceo nocturno (agás a Lúa). Así que haberá que estar atentos, especialmente preto do 23 de mao que será o seu maior achegamento ao Sol. En caso de que non sexa así, haberá que agardar outros 6 000 anos para que volte ao interior do Sistema Solar.

Nós podemos admirar a imaxe que tirou o noso colaborador desde o patio da súa casa compostelán. Alí arriba á esquerda vemos o cometa, coa súa característica cor verde. No extremo oposto vemos dúas galaxias en singular batalla, onte falamos delas.

Os cometas eran noutro tempo heraldos de desgrazas e infortunios. Xa hai séculos que non. Desde a invención do telescopio convertíronse en garantía de fama segura para os astrónomos que os descubrían.

Para esta imaxe empregouse unha cámara dixital Nikon D600 Ha modificada cun obxectivo Nikkor ED AIS de 180mm, con f/4 e unha sensibilidade 3200. Tirou 21 imaxes de 30 segundos cada unha.

Poderías gostar de...

Ás voltas co ceo estrelecido

Imaxinades ter ollos que foxen quen de rexistrar a luz que lles chega durante minutos? Pola noite descubrirïamos que o ceo xira ao redor das

Flores no ceo, flores na terra

Vistes as flores celestes? Máis ben son as flores cósmicas. Aí, no medio desa nube que se estrica en diagonal pola imaxe, semellan caraveis rosas.

O ano das auroras boreais galegas

Querido mañá, se cando leas isto eu xa estiver lonxe no tempo e no espazo que saibas que hai auroras inauditas coa rubién do que

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2025

5 comentarios en “As desgrazas nunca veñen soas”

  1. Vaites co titular, rapaces… Como apóstolo da teoría da panespermia, os cometas portan os alicerces da vida entre mundos. Aínda que tamén poden contribuír a extinguila… o que tamopuco é problema algún para o universo…

    • Haiche veces. Na procura de “titulares sexis”, ás veces saen outras cousas para chamar a atención.

      Sobre o da panspermia, cada vez son máis os achádegos en cometas de diferentes moléculas e incluso aminoácidos. Non hai que desbotar tampouco a súa colaboración en aportar enormes masas de auga a protoplanetas, pois non son máis que blocos de xeo suxo. Pero aínda que contribuíran á aparición da vida nun planeta coma o noso, seguiría a incerteza de saber como apareceu a vida noutro lugar.

Os comentarios están pechados.