Luz extraterrestre

Créditos da imaxe: Pablo J. Martínez Alemparte

A luz zodiacal non está na nosa atmosfera. Está entre os planetas do Sistema Solar. É unha luz extraterrestre. Vén sendo un cono de luz moi feble visible unha hora despois do solpor ou antes do amencer. Xorde desde a posición do Sol baixo horizonte, subindo ao longo da eclíptica, o camiño do propio Sol (e os planetas) no noso ceo. A súa intensidade luminosa é semellante á da Vía Láctea. Hai épocas do ano nos que é máis sinxela de ver, cando a eclíptica forma un ángulo maior co horizonte. No noso hemisferio norte vai sendo tralo solpor da primavera e antes do amencer do outono.        

A explicación está na presenza de partículas de po que se atopan no plano da órbita de Xúpiter e quizais máis lonxe. A súa orixe non está clara aínda. O máis seguro é que sexa a suma de varios factores dos que se discuten: restos cometarios, refugallos de colisións de asteroides do cinto principal… En todo caso, os grans esparexen a luz solar facéndose visible incluso sen aparellos ópticos.

A imaxe foi tirada o pasado mes de febreiro desde a zona de Trevinca (A Veiga, Ourense). No medio da luz zodiacal destaca Venus, o punto máis brillante do ceo. No cumio do cono luminoso albiscamos o cúmulo das Pléiades. Á esquerda e arriba da imaxe, como non, a constelación de Orión.

O autor empregou a súa cámara Sony A6000 cun obxectivo Sigma 10-20. Fixo un disparo único de 25 s de exposición e sensibilidade ISO 3200.

Poderías gostar de...

Ás voltas co ceo estrelecido

Imaxinades ter ollos que foxen quen de rexistrar a luz que lles chega durante minutos? Pola noite descubrirïamos que o ceo xira ao redor das

Flores no ceo, flores na terra

Vistes as flores celestes? Máis ben son as flores cósmicas. Aí, no medio desa nube que se estrica en diagonal pola imaxe, semellan caraveis rosas.

O ano das auroras boreais galegas

Querido mañá, se cando leas isto eu xa estiver lonxe no tempo e no espazo que saibas que hai auroras inauditas coa rubién do que

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2025

1 comentario en “Luz extraterrestre”

  1. Hola. Preciosa foto. Lástima de contaminación lumínica. Un abrazo desde Madrid. 😉

Os comentarios están pechados.