Fósforo anda a pasear

Créditos da imaxe: Fins Eirexas

As cinco estrelas que chamamos Planetas posúen movemento propio. Disque pertencen a cinco deuses. (…) O cuarto chámase Fósforo e pertence a Afrodita. É de cor branca e a maior de todas as estrelas. Chámano tanto Fósforo coma Héspero.

Traducido de “Mitología del Firmamento”, Eratóstenes. Alianza Editorial (1999)

Así describía Eratóstenes nos seus “Catasterismos” un dos coñecementos astronómicos gregos. Entre as estrelas fixas do ceo hai cinco singulares, pois móvense. Venus, a máis brillante e a máis rápida, acaba de amosarnos o espectáculo de pasar por diante do cúmulo das Pléiades. Bo momento para poder caracterizar ese movemento de seu en tan só tres días. Así aparece nesta didáctica imaxe, sobre unha foto fixa tirada o 3 de abril, o día do máximo achegamento. Por baixo, a posición do planeta o 2 de abril. Por riba, o mesmo o 4 de abril.

Sabemos que Venus é un planeta que xira ao redor do Sol máis preto ca Terra. Así pode verse tanto no solpor como no mencer. De aí que os gregos lle puxeran dous nomes pois ao primeiro coidaban que eran dous planetas diferentes. O pasado 23 de marzo estivo no seu punto máis afastado do Sol no noso ceo. Agora vaise achegando paseniñamente para, a primeiros de xuño, pasar por diante da nosa estrela e perderse na luz do día. Unhas semanas despois comezará a verse tralo mencer e seguirá a súa danza planetaria.

Por certo, “fósforo” significaba en grego “portador de luz”.

Imaxe feita a partires de tres instantáneas únicas tomadas desde os arrabaldes de Compostela. O autor empregou a súa Nikon D600 e un obxectivo Nikkor ED IF 300 cuns poucos segundos de apertura e ISO 1000. Montada sobre un trípode.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

1 comentario en “Fósforo anda a pasear”

Os comentarios están pechados.