A bolboreta cósmica

Créditos da imaxe: Miguel Sánchez Varela

Unha bolboreta. Bate as ás na China e provoca un tornado en Kansas. Algo así dicía Edward Lorenz como metáfora da teoría do caos. Unha pequena variación nos parámetros iniciais dun modelo preditivo para a meteoroloxía, por exemplo, pode ter efectos enormes ao cabo do tempo.

Nos ceos galegos a nosa bolboreta ten un tamaño cósmico. Aí está na imaxe, dúas enormes ás de po cósmico e hidróxeno afastadas polo corpo, unha franxa escura. O seu nome técnico é o de IC 1318, aínda que popularmente recibe o nome de nebulosa Bolboreta. Está a unha distancia de 2 000 anos luz e a súa envergadura chega aos 50 anos luz.

Pero o que máis destaca é o brillo dunha estrela da constelación do Cisne (Cygnus) ou Cruz do Norte. Ten nome de seu, Sadr, que significa “peito”. Así está no medio da constelación, marcando o peito do cisne como a segunda estrela máis brillante do mesmo. Ten unha masa equivalente a unha ducia de soles e loce unhas 60 000 veces máis cá nosa estrela. Á súa esquerda aparece un grupo de estrelas amoreadas nun cúmulo aberto denominado NGC 6910. Son estrelas de pouca idade e andan a unha distancia de case 4 000 anos luz.A imaxe requeriu a combinación de 36 tomas de 10 minutos cada unha, empregando un filtro de hidróxeno alfa para salientar este gas. O equipo habitual deste autor, unha cámara dixital Canon 550D acoplada ao telescopio refractor de 80 mm en Arzúa (A Coruña).

Poderías gostar de...

Desde a caverna

Cando miramos desde o fondo da espenuca, para ollar a realidade, o abraio pode ser maiúsculo. Na nosa imaxe esa sería a realidade fóra das

A muiñeira das auroras

Estamos a vivir unha tempada extraordinaria. Unha actividade solar en máximos históricos está a provocar que poidamos gozar das auroras boreais desde o noso país.

O lobo oubeando ao cabalo escuro

Na terra, un lobo oubea para indicar o seu mando na grea. No ceo, un cabalo escuro fica impertérrito. A nebulosa dese nome é unha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026