Ola e adeus

Créditos da imaxe: ESA/BepiColombo/MTM

A pasada fin de semana fomos visitados por unha sonda espacial. Unha nave humana, non hai por que se preocupar. O 20 de outubro de 2018 a sonda espacial BepiColombo saíu de viaxe cara o seu destino, Mercurio, a bordo dun foguete Ariane 5. A nave é un proxecto conxunto da Axencia Espacial Europea (ESA) e a Axencia de Exploración Aeroespacial Xaponexa (JAXA). Ten previsto entrar na órbita mercuriana no ano 2025.

Entón, que facía por aquí estes días de volta na Terra? Por eficiencia e axilidade, as viaxes espaciais realízanse empregando a un combustible de balde: a gravidade. Non son operativas as viaxes directas pois as naves non levan combustible para acelerar no espazo e frear ao chegar a destino. Así pois, emprégase a atracción gravitatoria de diferentes astros. As naves entran dentro da acción dun planeta de xeito que este comeza a atraelo cada vez con máis forza. Pero a traxectoria da nave impide que caia nese planeta, de feito que a súa viaxe é acelerada pola gravidade e sae disparado cada outro destino. Así, de tirón en tirón gravitacional e axustando as traxectorias con moita precisión conséguese acelerar e frear as naves espaciais. No caso da BepiColombo o destino é Mercurio, un planeta con moi pouca gravidade e moi preto do Sol. Durante a súa viaxe de 7 anos e antes de entrar en órbita do planeta realizou este sobrevoo pola Terra, e quédanlle 2 polo planeta Venus e 6 polo propio Mercurio para conseguir frear o impulso e ficar en órbita. No seu destino, explorará a xeoloxía, estrutura, magnetosfera e moito máis do planeta. Aproveitará para analizar o último cráter en formarse no planeta, que deixou á vista materiais frescos do seu interior. Provocouno a misión MESSENGER da NASA que “aterrou” alí hai uns anos.

Bepi Colombo era o nome dun enxeñeiro italiano do século XX. Ademais de estudar a órbita de Mercurio, amosoulle á NASA o camiño para levar alí á sonda Mariner 10, o primeiro enxeño humano que estudou o planeta nos anos 1974-75.

Na imaxe ollamos a Terra en crecente, sendo alumeada polo Sol á esquerda e fóra do marco. Na parte superior dereita do planeta, nas tebras, estamos nós. A sonda pasou polo sur dos ceos galegos o pasado 10 de abril. Por riba do panel solar dereito hai unha pinga de luz, é a Lúa. O retrato de familia foi a derradeira imaxe que nos tomou a cámara MCAM a bordo da Bepi a uns 524 200 quilómetros de distancia un día despois do seu máximo achegamento.

Ola e adeus Bepi.

Poderías gostar de...

Unha eclipse NON total de Sol

Foi por pouco, pero a eclipse non chegaba onda nós. Uns minutos despois do momento no que comezaba a Lúa a se meter na nosa

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024