A morte dos vagalumes

Créditos da imaxe: Fins Eirexas

Ás veces o ceo regálache a imaxe. E o título. Fotografías o cometa ATLAS C/2019, para certificar que se está a desfacer no ceo. E no mesmo cadro aparéceche o que parece un meteoro, refugallos dun cometa que se está a desfacer no ceo.

O cometa estaba chamado a protagonizar os nosos ceos do mes de maio. Había previsións de que chegaría a ser visible a simple vista; brillando aínda de día. Alleo a estas expectativas, o seu destino levouno a esnaquizarse de xeito natural hai uns días. Agora viaxa polo ceo en varios anacos e farase irrelevante aos poucos. Na nosa imaxe seguen aparecendo coa súa característica cor verde á dereita, aumentado no recadro. Todo iso a millóns de quilómetros de distancia.

A comezos de semana houbo unha choiva pequena de meteoros. A traxectoria do cometa Thatcher foi atravesada pola Terra, momento no que os refugallos que aquel deixou no espazo comezaron a penetrar a nosa atmosfera. O cometa pasou preto hai 150 anos; non se agarda que volte ata dentro de tres séculos. A perspectiva fai que os meteoros parezan proceder da constelación da Lira, polo que se denominan meteoros das líridas. Probablemente un deles apareceu na imaxe pola esquerda. Todo iso a unhas deceas de quilómetros de distancia.

Imaxe e o título foron tomados nos arrabaldes de Compostela. Unha soa toma de 30 segundos de exposición, pasada a medianoite do 23 de abril. A súa cámara habitual Nikon D600 modificada e obxectivo Nikkor AIS 85 mm e f/2,8, con ISO 1600.

Poderías gostar de...

Marchou o Alfredo

Pasou hai uns días, pero foi para sempre. Forma parte da media ducia de colaboradores grazas aos cales puidemos iniciar este proxecto no outono de

Eclipse de Lúa, eclipse de Sol

Van en parellas. Sabías? Hai uns días tivemos unha eclipse lunar total, o da foto. Dentro duns días teremos unha eclipse solar parcial. No primeiro,

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2025