Ceos Galegos > De cando non había galaxias

De cando non había galaxias

Créditos da imaxe: Alfredo Madrigal

Velo aí? No mesmo centro do ceo. Ou o cénit, que dirían os astrónomos. Aparece coma unha folerpa branca, coma unha estrela desenfocada e gordecha. Que será? Máis ou menos pode verse así a simple vista, como na imaxe. E a súa historia, saber o que é, está moi ligada á historia da astronomía.

Estamos na constelación de Andrómeda, a filla de Cefeo e Casiopea levada ao sacrificiopara evitar que Cetus, o monstro mariño, asolagara o seu reino. Esa era a visión da antiga Grecia, tale e como aparece no primeiro catálogo celeste que coñecemos, de Eratóstenes. Pero da nosa borrancho abrancuzado nin palabra. Nin el, nin Hiparco,  nin Ptolomeo, que tamén lle adicaron bastante tempo ao ceo estrelado.

Chega o ano 964 e un astrónomo árabe de nome Abd-al-Rahman Al Sufi publica o seu “Libro das estrelas fixas” onde recolle, no bordo da constelación de Andrómeda, a existencia dunha “pequena nube”. O nome que lle asigna na súa lámina é “A”. A el podemos atribuírlle o seu descubrimento, aínda que parece que xa era coñecida entre os astrónomos do territorio persa/árabe de Isafán. Non deixa de ser curioso, pola relación entre Andrómeda e Perseo, o “fundador” do imperio persa na mitoloxía grega.

Non é ata a chegada o telescopio que se redescubre esa nube cósmica polo xermano Simon Marius en 1612. Mide o seu diámetro, detecta que o seu brillo aumenta cara o centro coma “unha candea brillando dentro dun corno”, a típica lámpada da época.

No século seguinte aparece no catálogo de nebulosas do astrónomo francés Charles Messier. O nome asignado foi de M31. Descríbea coma unha nebulosa na constelación de Andrómeda con forma de fuso, coma dous conos de luz unidos polas súas bases. Pouco despois, para William Herschel é a máis achegada das grandes nebulosas. Detecta unha cor avermellada na parte central. Estima que esa cor indica unha distancia non menor de máis de 2 000 veces a da estrela Sirio (constelación do Can Maior). De forma oval, asegura que debe ter un millón de estrelas no seu interior aínda que non se albisca ningunha individualmente.

Sería avanzado o século XIX, en 1864, cando William Huggins realiza unha análise espectroscópia da Gran Nebulosa de Andrómeda. Isto é, por medio dun telescopio analiza a súa luz. Descobre que amosa liñas continuas, coma o resto das estrelas, e diferente ao espectro do resto de nebulosas “gasosas”. Parece que se pode comezar a falar con propiedade da existencia de estrelas no seu interior.

En 1887 Isaac Roberts realiza as primeiras fotos que amosan a súa estrutura espiral. E entramos nas observacións do século XX e o “Gran Debate” que tivo lugar en 1920, cando se resolveu de vez o que era a Grande Nebulosa de Andrómeda. Pero esa xa é unha historia que continuaremos no seu centenario.

A imaxe do ceo completo data de xaneiro do ano 2019, tirada desde os montes de Trevinca (A Veiga, Ourense). Formada a partires de 12 imaxes individuais destaca a nosa Vía Láctea atravesando o ceo pola metade, e a luz zodiacal en ángulo.

Poderías gostar de...

1 resposta

  1. 27 Abril, 2020

    […] coñecía o tamaño da Vía Láctea nin do Universo. En realidade, hai 100 anos eran a mesma cousa. Non se coñecían outras galaxias. O ceo era como o actual por suposto. Aí estaba xa a galaxia de Andrómeda, pero chamábase Gran […]

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: