Sete cousas que non sabías do arco da vella

Créditos da imaxe: Oli Nauta

  1. Iris era a deusa mensaxeira dos deuses. Aparece ás veces representada con ás, con sandalias aladas ou cun manto irisado. Para Platón a etimoloxía da verba estaba relacionada con “eireín”, que significa falar. Un arco da vella apareceu trala tormenta unindo o Olimpo dos deuses coa Terra dos mortais. Sen saír da Grecia clásica, Aristóteles foi o primeiro en dar unha explicación científica para o arco da vella. Aínda que el falaba de que se formaban por un reflexo nas nubes, a xeometría que explicaba era bastante atinada.
  2. O primeiro modelo completo sobre o fenómeno veu dun dominico alemán do século XIV, Teodorico de Friburgo, quen falou das pingas de auga como as responsables do fenómeno. Explicou correctamente a existencia dos secundarios, as cores invertidas destes, a xeometría e a posición dos arcos da vella. Adicoulle un libro completo De iride et radialibus impressionibus que vén a ser Sobre o arcos da vella e as impresións creadas pola irradiancia.
  3. Non ten sete cores. Esa idea provén do libro Optiks de Isaac Newton. Ademais de físico, ao Isaac molábanlle a cabalística e as artes escuras. O número 7 tiña certas connotacións, de aí que quisexe ver que os arcos da vella teñen 7 cores. Tamén lle permitía asignar cada cor con unha das notas musicais da escada. Agora ben, cantas ves ti? Onde remata unha cor e comeza outra? Na realidade hai unha chea de matices e depende moito da definición do arcoíris en cuestión. Desde os vermellos interiores ata os violáceos exteriores, pasando por amarelos, verdes e azuis.
  4. O arco da vella é unha circunferencia completa. O arco que vemos é só unha parte do arcoíris completo. O resto non aparece porque a proia terra bloquéanos a súa visión. Hai imaxes de arcos da vella circulares tiradas desde a altura, desde avións ou helicópteros.
  5. Por baixo do arco da vella o ceo é máis brillante. Cando aparece un arco da vella secundario, entre ámbolos dous o ceo é máis escuro, trátase da fita de Alexandre. Dosdo é ver un arco da vella secundario. Pero, tes visto máis de dous? Hai quen está a cazar ata as ordes quinta e sexta dun arco da vella, formadas a partires de 5 e 6 reflexións internas nas pingas de auga. Todo un reto.
  6. O arco da vella é persoal e intrasferible. O que ti ves é diferente ao que ve alguén ao teu carón. Se te moves, móvese contigo. Se trataras de buscar o lugar onde morre nunca chegarías. 
  7. Canto máis baixo o Sol máis alto o arco da vella e viceversa. Ao mediodía a amplitude do arco será a menor posible. No amence e no solpor os máis grandes. 

Unha de regalo: “contrasol”, un sinónimo na  nosa lingua. Moi descritivo e xeométrico.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024