Onde van as estrelas

Créditos da imaxe: Igor Piñeiro

Polo día non se ven estrelas. En realidade vemos unha, o Sol. Pero o resto está aí. Pola noite aparecen no ceo. Unhas 4000-4500 estrelas poden ser vistas a ollo nu nunha noite escura. Pero as da nosa imaxe parecen moverse, parecen fuxir cara algún sitio. É así?

Fixándonos parecen ir a sitios diferentes. As estrelas da esquerda xiran ao redor dun punto diferente ás estrelas da dereita. Por tanto, polo centro da imaxe hai estrelas que se moven en liña recta e ascendente. Como se pode explicar isto? Na rotación terrestre está a resposta principal. E na inclinación do eixo de rotación está a resposta secundaria. Así, ao rotar o noso planeta ao redor dun eixo imaxinario que atravesa os polos norte e sur as estrelas da parte esquerda parecen estar xirando ao redor da estrela Polar, fóra do cadro. Ao mesmo tempo, as estrelas da dereita parecen xirar ao redor do polo sur celeste que está, non só fóra da imaxe senón tamén por baixo do horizonte. Ao mesmo tempo, a extensión do ecuador terrestre ao ceo forma o ecuador celeste, onde están as estrelas que se parecen moverse de xeito rectilíneo. Os puntos máis grosos corresponden aos ronseis deixados polos planetas pouco antes do mencer desta mesma semana de confinamento. De fondo, as casas preto do castelo de Soutomaior.

O autor empregou a súa cámara Canon EOS 77D e un obxectivo Samyang 2.8 de 10 mm, tirando 110 imaxes con 10 s de exposición cada unha, e pausas de 12 s entre cada foto. Posteriormente valeuse de soporte informático para amorear e unir as imaxes, creando esa sensación de movemento.

Poderías gostar de...

Desde a caverna

Cando miramos desde o fondo da espenuca, para ollar a realidade, o abraio pode ser maiúsculo. Na nosa imaxe esa sería a realidade fóra das

A muiñeira das auroras

Estamos a vivir unha tempada extraordinaria. Unha actividade solar en máximos históricos está a provocar que poidamos gozar das auroras boreais desde o noso país.

O lobo oubeando ao cabalo escuro

Na terra, un lobo oubea para indicar o seu mando na grea. No ceo, un cabalo escuro fica impertérrito. A nebulosa dese nome é unha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026

2 comentarios en “Onde van as estrelas”

  1. Pingback: Astronomía castrexa - Ceos Galegos

Os comentarios están pechados.