A capela lunar

Créditos da imaxe: Pintafontes

Para facer boas fotos é preciso: boa cámara, sentido estético e matemáticas. As matemáticas son útiles en todos os aspectos da vida. Sen saber trigonometría esta foto sería imposible. Ou, cando menos, sería máis complicada de atopar. Observando á Lúa saíndo o día anterior preto do cumio do monte, o autor decidiu calcular onde debería ubicarse o día 5 de xuño, lúa chea, para que o noso satélite enmarcase a capela do curuto. Todos os cálculos e explicacións do autor na súa conta de Twitter ou xa listos para degustar nunha web.

O lugar resultou estar a 4 400 metros de distancia, onda o muíño de mareas das Salinas de Ulló en Vilaboa (Pontevedra). A Lúa chea, última da primavera deste ano, enmarca así o cumio do monte da Peneda (Redondela, Pontevedra) coa súa capela da Virxe das Neves. Un lugar con moitas vistas e moita historia que aquí é visto desde a outra beira da enseada de Rande, outro lugar con moita historia

A cor da Lúa, alaranxada, débese á refracción das capas inferiores da atmosfera, bastante típico tras días de calor. Permite distinguir perfectamente o mare Crisium, case circular, na parte superior, cos maria Tranquilitatis, Serenitatis e Fecunditatis bordeando o perfil do castiñeiro e o campanario.

Empregouse unha cámara Nikon D7200 cun obxectivo Sigma 100-400mm, ISO 400 e velocidade 1/50. Unha única toma, recortada da orixinal e procesada moi lixeiramente para mellorar contraste e luminosidade.

Poderías gostar de...

Desde a caverna

Cando miramos desde o fondo da espenuca, para ollar a realidade, o abraio pode ser maiúsculo. Na nosa imaxe esa sería a realidade fóra das

A muiñeira das auroras

Estamos a vivir unha tempada extraordinaria. Unha actividade solar en máximos históricos está a provocar que poidamos gozar das auroras boreais desde o noso país.

O lobo oubeando ao cabalo escuro

Na terra, un lobo oubea para indicar o seu mando na grea. No ceo, un cabalo escuro fica impertérrito. A nebulosa dese nome é unha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026