Un Sol con manchas?

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Créditos da imaxe: Aleixandrus

O Sol é perfecto e inmaculado. Iso era o que ditaba a tradición astronómica ata o invento do telescopio. En realidade, o Sol é dinámico, cambiante e con manchas na súa “superficie”. Esa é realidade cotiá, a presenza de manchas na capa denominada fotosfera, o equivalente á “superficie” doutros astros. Pero nos últimos anos estas manchas andan contadas.

Nesta imaxe aparece claramente unha rexión de manchas solares catalogada co número 12765. Aínda que só vemos a máis grande, ese día tiña 7 unidades. Chegamos a albiscar a típica estrutura das manchas, unha parte máis escura, a umbra, e outra máis grisalla, a penumbra. Na primeira o campo magnético solar é vertical á fotosfera. Na segunda, as liñas de campo aparecen inclinadas. Precisamente é o magnetismo solar o que explica a existencia das manchas solares. Cando o fluxo do campo magnético chega a inhibir a convección do interior solar, provoca un descenso considerable da temperatura superficial que se expresa en forma de mancha. A cor máis escura débese só ao contraste coas partes máis brillantes e quentes. En realidade, a diferencia termal vai dos 2 700 – 4 200 ºC das manchas aos 5 500 ºC medios do resto da fotosfera.

Pero neste Sol temos outras 17 manchas idénticas en ringleira. Desta volta é a Estación Espacial Internacional ou ISS, aquí preto do noso planeta, que está a pasar por diante do Sol. Aínda que o tamaño aparente entre a súa sombra e a mancha solar pareza o mesmo, a ISS ocupa o que vén a ser un campo de fútbol mentres que esoutra mancha ten 300 millóns de quilómetros cadrados.

A imaxe, tirada desde Teo (A Coruña) ás ás 20:50 h do pasado 8 de xuño, resulta dunha composición das 18 imaxes das 150 que tirou o fotógrafo durante o par de minutos que tivo sen nubes, coincidindo afortunadamente co paso da ISS. Empregou a cámara Sony a7III cun obxectivo Tamron dos anos 80 do século pasado, cun filtro específico para observación solar. Sensibilidade ISO 640 e velocidade 1/5000 s, f8 e 500 mm.

Por certo, nunca debes mirar ao sol, nin tirarlle fotos, sen un filtro especializado. É moi perigoso.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Poderías gostar de...

Xa é primavera nos Ceos Galegos

Xa chegou a primavera ao hemisferio norte, o outono ao hemisferio sur. O equinoccio da primavera é un evento astronómico preciso que acontece ás 22:24

Un Sol con forma de estrela

Nalgunhas fotos o Sol parece unha estrela. Porque é unha estrela. De feito, os anglosaxóns aplícanlle un nome un tanto reiterativo: “sunstar” ou “sunburst”. Estamos

Forzas do ar, terra, mar e lume

Disque nesa pedrafita conflúen todas as forzas do Cosmos. Eis o fito de nome Marco do Vento, sen dúbida moi acaído. O lugar é senlleiro;

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2023