Unha pantasma entre estrelas

Créditos da imaxe: Marco Antonio Vilar Sanlés

Na constelación Camelopardalis vaga unha pantasma. De primeiras, a nosa vista vaise directamente as estrelas máis brillantes do cadro. En función do catálogo que miremos recibirán diversos nomes. Podemos quedar cun clásico, onde se chaman 11 Cam e 12 Cam. O número indica a orde entre as estrelas da súa constelación en función de maior a menor brillo. As letras, as primeiras de Camelopardalis, a xirafa, a zona do ceo na que están. Que haxa unha xirafa no ceo non é culpa dos gregos, senón dos astrónomos da idade Moderna; inventaron esa constelación para encher o espazo entre as constelacións das Osas, Casiopea e  Auriga.

Esas estrelas parecen xuntas no ceo pero non están ligadas unha á outra. Situadas a uns 700 e 710 anos luz de distancia respectivamente, as súas cores diferentes permítennos falar do contraste entre as súas propiedades físicas. Así, 11 Cam ten unha cor branco-azulada, unha masa equivalente a 6 soles e está na clase principal (tecnicamente clasifícase como estrela B3Ve). Por contra, 12 Cam ten unha cor amarelada e está na fase de estrela xigante. En realidade ten unha compañeira da metade do seu tamaño que non se pode albiscar nin sequera con telescopio, cun periodo de rotación duns 90 días. Entre as dúas suman unha masa de case 2 soles. Tecnicamente, a estrela visible clasifícase coma K0III.

Na panorámica celeste aparece unha pantasma, á esquerda e un pouco por riba das nosas estrelas. Son os refugallos do cometa ATLAS. Estaba chamado a ser o protagonista dos ceos desta primavera pero acabou esnaquizado no seu achegamento ao sol. Nunca tan acaído a idea de cometa pantasma. Cóstache velo? Normal, é unha pantasma.

A imaxe precisou de 20 tomas individuais de 30 segundos de exposición e sensibilidade ISO 1600, con tomas adicionais de calibración. O autor empregou a súa cámara Canon EOS 4000D a foco primario de telescopio Newton Celestron 200/1000, desde a súa casa en Ribeira (A Coruña).

Poderías gostar de...

Unha eclipse NON total de Sol

Foi por pouco, pero a eclipse non chegaba onda nós. Uns minutos despois do momento no que comezaba a Lúa a se meter na nosa

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024