Un lugar chamado Norteamérica

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Créditos da imaxe: Miguel Sánchez Varela

Chamarlle nebulosa Norteamérica a esta nube de pó e gas observada desde Arzúa non deixa de ser curioso. Cousas de astrónomos afeccionados, que gustan de procurar formas recoñecibles nas nubes cósmicas, como facemos coas nubes da terra. O seu nome oficial é NGC 7000 e si, cun pouco de imaxinación, podemos recoñecer a costa leste dese continente en imaxes máis amplas. Nesta ocasión temos un primeiro plano da zona da “península de Florida”, pero xirada 90 graos.

Usar o termo “nebulosa” é moi cómodo. É un xeito de dicir mancha abrancuzada no telescopio que non temos claro o que é. Ou iso se pensaba antes, agrupando baixo esa denominación xenérica galaxias, cúmulos, nubes de po e todo o que non fora brillante. Neste caso estamos diante dunha nube cósmica de gran tamaño, chea gas brillante formado por átomos de hidróxeno, xofre e osíxeno. Estas nebulosas poden ollarse con binoculares desde unha localidade escura.

O importante está nos detalles, e para iso axuda que a imaxe sexa en branco e negro. Se mirades nas cristas da parte aparecen bolborotos pola erosión dos ventos estelares. Co tempo, aí nacerán estrelas novas, cando a compresión do gas sexa quen de iniciar o proceso de fusión nuclear.

Medir a distancia a un lugar tan difuso é moi complicado. Tampouco se sabe con certeza que estrela é a responsable de alumear esta zona. Hai estudos que apuntan a Deneb, a estrela máis brillante da constelación do Cisne, o que nos indicaría unha distancia duns 1800 anos luz.

A imaxe precisou de 30 tomas de 600 segundos cada unha, empregando unha cámara Canon 550D acoplada a un telescopio refractor de 80 mm e 480mm de focal, desde o seu observatorio persoal na terra do queixo de Arzúa (A Coruña).

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Poderías gostar de...

Unha Lúa chea que non se ve

Na historia da humanidade saber cando a Lúa era chea foi algo fundamental. Os primeiros calendarios eran lunares, como son aínda o calendario eclesiástico, o

Para que vale unha eclipse lunar?

A resposta curta: para nada. A resposta menos curta: o espectáculo é sempre fermoso. Neste caso, foi unha eclipse parcial, pero tratar de vela entre

A contra luar

Para facer boas fotos é preciso: boa cámara, sentido estético e matemáticas. As matemáticas son útiles en todos os aspectos da vida. Sen saber trigonometría

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2023