Un lugar chamado Norteamérica

Créditos da imaxe: Miguel Sánchez Varela

Chamarlle nebulosa Norteamérica a esta nube de pó e gas observada desde Arzúa non deixa de ser curioso. Cousas de astrónomos afeccionados, que gustan de procurar formas recoñecibles nas nubes cósmicas, como facemos coas nubes da terra. O seu nome oficial é NGC 7000 e si, cun pouco de imaxinación, podemos recoñecer a costa leste dese continente en imaxes máis amplas. Nesta ocasión temos un primeiro plano da zona da “península de Florida”, pero xirada 90 graos.

Usar o termo “nebulosa” é moi cómodo. É un xeito de dicir mancha abrancuzada no telescopio que non temos claro o que é. Ou iso se pensaba antes, agrupando baixo esa denominación xenérica galaxias, cúmulos, nubes de po e todo o que non fora brillante. Neste caso estamos diante dunha nube cósmica de gran tamaño, chea gas brillante formado por átomos de hidróxeno, xofre e osíxeno. Estas nebulosas poden ollarse con binoculares desde unha localidade escura.

O importante está nos detalles, e para iso axuda que a imaxe sexa en branco e negro. Se mirades nas cristas da parte aparecen bolborotos pola erosión dos ventos estelares. Co tempo, aí nacerán estrelas novas, cando a compresión do gas sexa quen de iniciar o proceso de fusión nuclear.

Medir a distancia a un lugar tan difuso é moi complicado. Tampouco se sabe con certeza que estrela é a responsable de alumear esta zona. Hai estudos que apuntan a Deneb, a estrela máis brillante da constelación do Cisne, o que nos indicaría unha distancia duns 1800 anos luz.

A imaxe precisou de 30 tomas de 600 segundos cada unha, empregando unha cámara Canon 550D acoplada a un telescopio refractor de 80 mm e 480mm de focal, desde o seu observatorio persoal na terra do queixo de Arzúa (A Coruña).

Poderías gostar de...

Unha eclipse NON total de Sol

Foi por pouco, pero a eclipse non chegaba onda nós. Uns minutos despois do momento no que comezaba a Lúa a se meter na nosa

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024