Guía para ver un cometa

Imaxe: Pablo Martínez Alemparte

Tralo solpor mira ao noroeste. Xa está. Aí debera aparecer. A simple vista, a ollo nu, como queiras dicilo. U-lo noroeste? Entre dúas e tres cuartas á dereita do lugar polo que se puxo o sol. Máis ou menos. Proba desde o balcón, desde a fiestra, desde a cidade. Se non tes sorte e algún obstáculo oculta o horizonte sae a un parque público que teña ese horizonte despexado. Se podes saír a un monte achegado moito mellor. Se vives no rural aproveita, todo son vantaxes. Se levas uns prismáticos, a experiencia mellora. Pero non son imprescindibles. E poderás presumir de que viches un cometa.

Tes cámara de fotos? Con trípode moito mellor. E se procuras un contorno bonito, un monumento senlleiro para que o cometa ande por aí, atento que imos convocar un concurso para escoller as mellores imaxes. Nuns días. Pero ti vai facendo. Porque poderás presumir de ter o teu cometa retratado. E nós poderemos compartir moitas imaxes fermosas.

Non sabemos cando teremos outro cometa coma este. Porque por moitas previsións que fagamos, os cometas son coma os gatos, ámbolos dous teñen cola e fan o que lles peta.

Cando buscalo? Hoxe, mañá, pasado? Pois canto antes mellor. A previsión é que vaia esmorecendo durante os vindeiros días pois se vai afastando do sol. Pero como a Terra se vai achegando a el algo compensa. Pero lembra, os cometas son como os gatos. Así que mellor non se fiar. Aquí podes descargar un planisferio para Galicia ás 22:30 horas coa posición do cometa nos días 15 e 25. Ollo, non se vai ver como o debuxo; nin nesa cor nin a ese tamaño. Pero paga a pena.

Sabes algo do ceo? Pois procura o lugar do Carro Maior, esas sete estrelas da Osa Maior que se ven claramente no ceo. Pois o cometa andará estes días entre o Carro e a constelación de Leo, máis ou menos. Incluso podes ter mapas máis amplos na marabillosa web do proxecto Heavens Above. Ou descárgate o que fixemos nós.

A nosa imaxe foi tirada desde o miradoiro  do Cepudo, por riba da cidade de Vigo (Pontevedra). O autor empregou a súa Canon EOS 60D, cun obxectivo  Sigma10-20, 10 s de exposición e ISO 1600, f 5.6.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024