Créditos da imaxe: Iago de la Fuente
…meteoro. Porque as estrelas fugaces non existen. Son meteoros. Refugallos cósmicos coma o ronsel de po e xeo suxo que deixan os cometas ao se achegaren ao Sol. Ao pasar o noso planeta por esa zona bate con esas partículas. Estas acaban por ionizar a atmosfera ou “quéimanse” no seu intento por chegar á Terra. No camiño, deixan un ronsel luminoso que admiramos, ás veces concentrados en chuvias de meteoros. Axiña virán as famosas perseidas. Pero todas as noites se pode ver algún. Incluso preto dun cometa que, curiosamente, son os proxenitores principais dese fenómeno.
O cometa NEOWISE ou C2020 F3, en código de astrónomos, segue a se afastar do noso sistema solar para se perder no espazo exterior ata dentro de milleiros de anos, que voltará. Probablemente non esteamos para comprobalo. Pero segue a fachendear de dúas colas. A principal, de po, é provocada polo impacto do vento solar. Unha corrente de partículas que vai arrincando as partes externas do cometa que se perden no espazo. No caso do NEOWISE amosa unha lixeira curva debida a que as partículas máis grandes reciben con máis forza o golpe e teñen unha tendencia a seguir en órbita solar. A outra cola, visible en imaxes de moita exposición, é a cola iónica. Esta apunta exactamente ao lugar oposto ao Sol e débese ao impacto de partículas cargadas presentes no vento solar. Máis complexa, de ton azulada, a súa estrutura e aínda non é comprendida do todo.Esta imaxe tirouse desde preto de Santiago de Compostela, na parroquia de Fecha, o pasado 16 de xullo. O autor precisou de 40 instáneas de 15 segundos de exposición cada unha sensibilidade ISO 3200, coa súa cámara Canon 6D. Como outras ducias, forma parte xa para a lembranza das nosas galerías temáticas con imaxes do cometa no noso país. Aínda podes mandar a túa. Nuns días crearemos un concurso para votar ás mellores.