Adeus cometa, ola concurso

Créditos da imaxe: Ángel D. R. Arós

Os cometas son bólas de xeo suxo. Xeo de auga. Proveñen dos arrabaldes do Sistema Solar. Alí onde a formación planetaria deixou os seus refugallos. Alí onde o Sol ten o tamaño de calquera outra estrela do ceo. Alí onde non hai máis luz ou calor que no espazo exterior.

A Terra é auga. A superficie planetaria está ocupada nas tres cuartas partes por auga en estado líquido. A súa orixe é obxecto de investigación en varios campos da ciencia. A fin de contas, é o único planeta rochoso do seu sistema que ten auga líquida. É o único planeta que coñezan os humanos que ten auga líquida, ata o de agora. É o único planeta que se sabe que ten vida, que unha parte desta vida é consciente, e que a vida precisa desa auga para existir.

Terían algo que ver os cometas coa existencia da auga nese planeta? Das análises físico-químicas realizadas en varios cometas habituais que nos visitan todo apunta a un gran aporte de auga de orixe cometaria. Na formación inicial da Terra houbo un intenso periodo de bombardeo doutros obxectos (asteroides, cometas…) que puideron dar lugar á formación das grandes masas de auga que, co tempo, formarían os actuais océanos.

Na imaxe o cometa NEOWISE reflíctese na lagoa das Tablillas (A Veiga, Ourense). As quedas augas déixanse acariñar pola contemplación do visitante do extrarradio do sistema solar, alleas a que a súa orixe primixenia tivo lugar, en gran parte, en familiares dese cometa.Xa non podedes gozar da imaxe do cometa NEOWISE no ceo. Pero si que podedes gozar das imaxes de lembranza que nos deixou durante a súa visita. Para a vosa facilidade, agrupámolas en cinco categorías temáticas: cometa con paisaxe natural, cometa con paisaxe urbana, cometa con patrimonio, cometa no ceo (con telescopio) e imaxes creativas/didácticas do cometa. E podedes votar cales son as vosas favoritas; queremos darlle un premio ás mellores pero resulta tarefa moi complexa. Por suposto, todos os votantes entraredes no sorteo de varios lotes de produtos, grazas ao patrocinio de Alvarellos Editora. Os lotes teñen todos un exemplar de “A que altura está o ceo?” de Jorge Mira, e o autor adicará de xeito personalizado cada un dos exemplares.

Poderías gostar de...

Ás voltas co ceo estrelecido

Imaxinades ter ollos que foxen quen de rexistrar a luz que lles chega durante minutos? Pola noite descubrirïamos que o ceo xira ao redor das

Flores no ceo, flores na terra

Vistes as flores celestes? Máis ben son as flores cósmicas. Aí, no medio desa nube que se estrica en diagonal pola imaxe, semellan caraveis rosas.

O ano das auroras boreais galegas

Querido mañá, se cando leas isto eu xa estiver lonxe no tempo e no espazo que saibas que hai auroras inauditas coa rubién do que

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2025