Luces no mar e no ceo

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Créditos do vídeo: Kikeflash

A natureza é xenerosa. A cotío regálanos luces fermosas no ceo. A noite desprega toda a súa beleza co ceo estrelecido. Se aprendemos a interpretar esas luces a fermosura é dobre. As estrelas emiten luz (e calor) de seu a partires das reaccións de fusión nuclear que acontecen nos seus núcleos. Alí, os átomos de hidróxeno únense entre si para dar lugar a átomos de helio nun proceso de fusión nuclear.

Ás veces, o mar é xeneroso. Só as veces regálanos luces fermosas na auga. Á noite, o mar fosforescente desprega toda a súa beleza. Se aprendemos a interpretar esas luces a fermosura é dobre. As microalgas da imaxe emiten luz de seu, a partires das reaccións químicas producidas nuns órganos internos chamados escintilóns. Aí, debido ao abalar das correntes mariñas e seguindo un ritmo circadiano (necesitan pois da luz solar) desencadéase a reacción luminosa. Ao redor do 12 de agosto a costa de Carnota estivo chea de Noctiluca scintillans que produciron o espectáculo do mar de ardora ou ardentía. 

Este time lapse ou vídeo secuencia foi realizado nunha das últimas aparicións do mar de ardora nas nosas costas. Precisou dun total de 875 fotografias, cada unha das cales tivo 20 segundos de exposición (diafragma aberto) para captar as luces do mar (e do ceo). En tempo real, case 5 horas repartidas en 2 noites do 13 ao 15 de agosto, empregando unha cámara a primeira noite e dúas a segunda, sempre sobre trípode. Os ollos atentos detectarían outros fotógrafos na primeira parte do vídeo que chegan a mollar os pés para conseguir as mellores tomas Ao fondo, a contaminación luminosa de Lira. A Vía Láctea na zona do Arqueiro parece querer mergullarse no Atlántico de cabeza, seguida de Xúpiter e Saturno. Na segunda parte entre unha capa de nubes en movemento albiscamos o faro de Fisterra á dereita, coa vila no extremo. As imaxes apuntan a océano aberto e pola esquerda cóase ao final a Vía Láctea. De novo na terceira parte contamos coas luces de Lira e os mesmos protagonistas do ceo. E, no mar, ollamos como evolúe a ardora co abalo da corrente e a marea. Rematamos cunha panorámica con todos os protagonistas, formada a partires de 21 fotos con 20 segundos de exposición a ISO 3200 tiradas coa cámara do autor, unha Sony a7iii.

ANUNCIO

Este ano incluiremos a nova categoría de time-lapse ou “vídeo-secuencia” nos premios anuais. Será aló por decembro, así que ide preparando os vosos mellores materiais.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Poderías gostar de...

Xa é primavera nos Ceos Galegos

Xa chegou a primavera ao hemisferio norte, o outono ao hemisferio sur. O equinoccio da primavera é un evento astronómico preciso que acontece ás 22:24

Un Sol con forma de estrela

Nalgunhas fotos o Sol parece unha estrela. Porque é unha estrela. De feito, os anglosaxóns aplícanlle un nome un tanto reiterativo: “sunstar” ou “sunburst”. Estamos

Forzas do ar, terra, mar e lume

Disque nesa pedrafita conflúen todas as forzas do Cosmos. Eis o fito de nome Marco do Vento, sen dúbida moi acaído. O lugar é senlleiro;

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2023