Cita diúrna de Afrodita con Selene

Creditos da imaxe: Gonzalo González

Os planetas xiran ao redor so Sol. A Lúa xira ao redor da Terra. Todos no mesmo plano. Máis ou menos. Por iso todas as noites os planetas que se ven no ceo nocturno están aliñados. Polo día tamén, pero non os vemos polo brillo do Sol. Por iso, desde o noso país, os planetas sempre pasan pola zona sur do ceo. Un pouco máis abaixo ou un pouco máis arriba, pero sempre pola zona sur. Saen máis ou menos polo leste e ocúltanse máis ou menos polo oeste, polos mesmos puntos có Sol. Porque todos nos movemos no mesmo plano, pero a Terra xira ao redor do Sol lixeiramente inclinada. Así, os planetas aparecen no noso ceo polo sur. E así hai estacións diferentes; as raiolas chegan máis inclinadas en inverno que no verán e quecen menos. Todo está relacionado.

O plano polo que se move a Lúa ao redor da Terra non coincide exactamente co dos planetas, hai uns 5º de diferenza. Ás veces, a Lúa pasa por diante dos planetas; coma na imaxe. Combínanse varias fotos do planeta Venus mentres agarda a que a Lúa pase por diante. Son nove instantáneas ata o momento preciso no que o planeta só se ve parcialmente. A décima foto combinada amosa a Venus á dereita, recén saído por tras da Lúa. Non se ve porque está en cuarto minguante e a parte dereita non recibe luz solar, pero está aí. Por certo, o planeta Venus tamén amosa unha fase crecente, coma unha pequena Lúa. Cuestión de perspectiva. Ao estar máis preto do Sol ca nós, neste caso recibe luz só pola parte esquerda.

As imaxes foron tiradas case ao comezo do verán, o 19 de xuño de 2020 entre as 8:00 e as 10:30. A propia ocultación comezou ás 9:20. Todas con bastante luz solar que dificultaba a observación. Desde Ourense, cunha cámara Canon 600D montada sobre un telescopio tipo Newton 150/750.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024