A veciña de enriba

Créditos da imaxe: Marco Antonio Vilar Sanlés

No ceo hai milleiros de estrelas. Iso a simple vista. A cantidade real ten varios ceros máis. Pero tamén hai milleiros de galaxias. Pero non a simple vista. A cantidade real ten algún cero adicional. Se o pensas, pode chegar a ser agoniante.

Desde a nosa terra, en noites despexadas e ceos escuros (absterse habitantes de cidades) podemos albiscar unha soa galaxia diferente da nosa: a galaxia de Andrómeda. A simple vista semella un borranchiño no ceo, unha pequena nube difusa. Se empregamos prismáticos semella un borranchiño no ceo, unha pequena nube difusa, pero máis grande. Se empregamos telescopio algo melloramos. De feito, non hai nin cen anos que aínda se denominaba Gran Nebulosa de Andrómeda. Só cando recorremos á fotografía chegamos a ver a súa estrutura, pero non as súas estrelas. Están demasiado lonxe. De feito, todas as estrelas que vemos a simple vista, ou con telescopio (de tamaño afeccionado) como nesta fotografía son veciñas do noso Sol, pertencen á nosa Vía Láctea. Incluso as que aparecen por diante de Andrómeda, debido á perspectiva. Pero se puidéramos viaxar moi lonxe para tirar unha foto da nosa propia galaxia veriamos algo semellante a esta: unha galaxia con forma de espiral e varios brazos cheos de estrelas, po e hidróxeno ao redor do núcleo central, máis brillante e counha chea de estrelas amoreadas.

Esta é a nosa veciña de arriba, ou de abaixo, é cuestión de perspectiva. O que parece seguro é que imos dereitos a colisionar dentro de 4 500 millóns de anos.A imaxe elaborouse co amoreado dixital de 10 tomas individuais de 3 minutos de exposición a ISO 1600, distancia focal 210 mm e F/5  con cámara Canon EOS 4000D, sobre unha montura ecuatorial Celestron. Con varias tomas adicionais de calibración. Foi na madrugada do 23 de agosto desde o mirador dos Forcados, no monte da Curota (A Pobra do Caramiñal, A Coruña).

Poderías gostar de...

Un novo mensaxeiro cósmico

O cometa da imaxe descubriuse hai menos de dous meses. O máis abraiante é que o descubriu un astrónomo amador xaponés. Aínda hai espazo para

A nebulosa da Media Lúa

A estrela WR136 non desapareceu. Pertence a un tipo de estrelas moi estrañas denominadas Wolf-Rayet. Son estrelas moi masivas, con vidas moi frenéticas e tempestuosas

Rebentou unha estrela

— Urg! — Urg!, urg! Así dirían os Homo sapiens sapiens que, hai 10.000 anos, viron unha estrela refulxir no ceo diurno. Ou destacar moito

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2025