Queres ver un burato negro?

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Créditos da imaxe: Enrique García

Hai 100 anos un físico aburrido no seu traballo deulle por cismar no que notariamos se estivesemos a caendo (coma desde unha torre) ou se estiveramos o interior dun sistema que se movese a velocidade constante e sen aceleración. Poderiamos distinguilo? Desa idea de aparencia sinxela saiu toda unha teoría denominada da Relatividade Xeral, onde a gravitación é incluída como un elemento xeométrico no espazo-tempo que nos permite comprender fenómenos moi estraños. Por exemplo, a luz dóbrase ao pasar preto de obxectos moi masivos. Claro que ese físico aburrido era Albert Einstein.

Anos despois, xogando coas matemáticas asociadas ás ideas de Einstein un físico decatouse de que de aí se deducía a existencia de obxectos moi, pero que moi masivos. Con tanta masa que curvaría a xeometría do espazo-tempo ata o punto que nin a luz conseguiría saír da súa influencia gravitacional, polo que non emitirían nada. Déronse en chamar buratos negros. Pero, se non emiten, como detectalos? Se ben outro físico famoso deduciu que algo si emitirían, abriuse a porta a seren detectados de xeito indirecto. Por exemplo, polos seus efectos gravitacionais. Así, de ollarmos estrelas xirando ao redor dalgún punto do espazo no que non vemos nada, poderiamos deducir que nese lugar hai unha gran concentración de masa, tan grande que ten que ser un burato negro.

Deste xeito as ideas de Roger Penrose e o seu burato negro de 1965 foron demostradas polas observacións de Reinhard Genzel e Andrea M. Ghez na década dos 90 do século pasado, apuntando ao centro da nosa galaxia. Os tres veñen de recibir o premio Nobel de Física 2020. Podes descargar unha infografía chula sobre o que é un burato negro (traducida por @OSondasIdeas).Ves unha pluma rosa á dereita baixando pola Vía Láctea? Pois a medio camiño entre ese borronchiño (que en realidade é unha nebulosa) e o horizonte anda o burato negro supermasivo central da nosa galaxia a Vía Láctea Sagr A*. O faro de Punta Nariga (Malpica de Bergantiños, A Coruña) parece alumear o achádego, aínda que a súa luz, cun alcance de 22 millas náuticas, queda moi lonxe do burato negro a 26 000 anos luz de distancia.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Poderías gostar de...

Unha de meigas

Créditos da imaxe: Raúl Matos Unha nube? Unha ovella? Unha meiga? Xogar a ver formas nas nubes cósmicas pode ser tan divertido como xogar a

Xogando coas cores

Imaxe: Miguel Sánchez Varela. Procesado: Iago de la Fuente Vemos o invisible. Porque o que se ve nesta imaxe non se ve. Mellor dito, non

Procura

Subscríbete!

Calendario Ceos Galegos 2021

Deixa un comentario