
Astros agroman.
Entre cerdeira e Pléiades
constelas ti.
Estíbaliz…Espinosa nos #CeosGalegos21
Xuntos no ceo terrestre. Afastados no universo. As flores da cerdeira, o satélite terrestre a Lúa, o planeta Venus, as estrelas das Pléiades. De 1 metro a 444 anos luz, ao final todo é cuestión de perspectiva.
A Lúa aparece en cuarto crecente pois o solpor tivo lugar hai só un par de horiñas. Con todo, a parte alumeada polo Sol aparece sobreexposta e a parte non alumeada recebe luz que rebota no planeta Terra, permitindo que poidamos albiscar a súa xeografía. É a luz cincenta, explicada por vez primeira por Leonardo da Vinci.
Venus aparece tamén sobrealumeado, moito tempo de exposición para este planeta que provoca a saturación dos receptores de fotóns. Se non fose así, veriamos que tamén o planeta interior está en fase de cuarto crecente.
Na parte superior campan as estrelas do cúmulo aberto das Pléiades. Elas son precisamente as responsables de que tanto a Lúa como Venus aparezan tan brillantes, para poderen ser vistas nestes ceos composteláns da pasada primavera. Moitos estabamos na casa, pechados. O autor tamén. Pero el aproveitou para capturar esta conxunción tripla no noso ceo: tres obxectos significativos no mesmo eido. E, de paso, figurar no mes de maio dos nosos #CeosGalegos21. Tirou coa súa cámara Nikon D600 mailo obxectivo Nikkor AIS ED 300mm (x2 teleconverter), cun tempo de exposición de 15 segundos a ISO 1000.
Espertan e medran as flores. A cerdeira sente a forza da primavera. Na súa ambición, quere que a Lúa, Venus e as Pléiades sexan as súas fillas.
Bendito mes de maio, que nos abre xardíns de día e de noite, xardíns terreais e celestiais.
Jorge Mira nos #CeosGalegos21