Flores para Nita

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

O corpo dunha gata está formado por uns 250 cuatrillóns de átomos de diferentes elementos. En notación científica parecer máis atinxible: 2,5 x 1026 átomos, ata que nos decatamos de que iso é un 2,5 seguido por 26 ceros de átomos. Por orde de abundancia de átomos repártense nun 65% de osíxeno, un 19% de carbono, un 10% de hidróxeno e un 3,2% de nitróxeno. Ao estar o 60% dunha gata adulta feita de auga resulta natural que osíxeno e hidróxeno sexan os compoñentes máis abundantes. Outros elementos son tamén moi importantes pola súa presenza en células e tecidos: o calcio cun 1,38%, o fósforo co 0,64%, o potasio, 0,22% mailo cloro co 0,28%.

Na natureza hai 92 elementos atómicos e, nunha gata, aparecen algúns máis en forma de oligoelementos en proporción menor ao 0,1%. Pero son tamén fundamentais en diferentes procesos biolóxicos do corpo. Así temos o xofre (S), calcio (Ca), fósforo (P), potasio (K), magnesio (Mg), ferro (Fe), manganeso (Mn) e cinc (Zn).

Os átomos entran e saen do corpo felino por diversos procesos biolóxicos. Unha gran parte dos átomos fican no seu interior poucos anos (como para os humanos), en función de en que tecido ou molécula estean presentes. Pero, como chegaron aí?

Todo o hidróxeno da gata creouse no grande estoupido inicial, o Big Bang, que orixinou o Universo tal e como o coñecemos; as pegadas do cosmos ronronan no noso colo. O resto dos átomos teñen orixes diferentes: evolución estelar, explosións de supernova, choques de estrelas de neutróns. Son procesos que requiren enormes presións e temperaturas para vencer a repulsión dos núcleos atómicos (de carga positiva) para se fusionaren. Nunha gata eses átomos reorganízanse nunha versión placentera para os seres humanos. Ao morrer, eses 250 cuatrillóns de átomos voltan a ser parte do universo. Algúns formarán parte de novas gatas, ou de persoas ou de rochas. Outros agardarán na terra ata que dentro de 5 000 millóns de anos a nosa estrela morra esparexendo os átomos formados no seu interior, máis os dos planetas máis achegados, ao espazo. Quen sabe se nalgures volverán a formar parte dalgún ser vivo consciente ou non.

Hoxe os átomos de Nita comezaron a retornar ao cosmos no que se formaron, na súa forma felina, hai 16 anos.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Poderías gostar de...

Para que vale unha eclipse lunar?

A resposta curta: para nada. A resposta menos curta: o espectáculo é sempre fermoso. Neste caso, foi unha eclipse parcial, pero tratar de vela entre

A contra luar

Para facer boas fotos é preciso: boa cámara, sentido estético e matemáticas. As matemáticas son útiles en todos os aspectos da vida. Sen saber trigonometría

Un novo mensaxeiro cósmico

O cometa da imaxe descubriuse hai menos de dous meses. O máis abraiante é que o descubriu un astrónomo amador xaponés. Aínda hai espazo para

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2023