O ceo de marzo de 2021

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Olla aí, ao ceo. É o único xeito de gozares cun espectáculo de balde e para toda a familia. Sabes o que estás a ver? Botámosche unha man?

Tralo solpor, no que resta deste mes (e boa parte do vindeiro mes de abril) destaca Marte. O planeta loce coma unha estrella brillante de cor vermella pero, a diferenza do resto das estrelas, non escintila. E sempre anda pola zona sur do ceo galego. Máis cara o leste ou cara o oeste en función da hora do serán. Pero inconfundible. Hai uns días aterrou alí o todoterreo Perseverance, coa misión de buscar posibles restos de antiga vida microbiana. A bordo leva un pequeno helicóptero que axiña será probado. E unha estación meteorolóxica de factura española. Interesante, verdade?

Por baixo de Marte verás unha estrela moi brillante tamén. Chámase Aldebarán e vén a ser a máis importante da constelación do Touro. Pois esa é a constelación pola que anda a pasear o planeta nesta primavera. Fíxate como esta estrela (e o resto) escintila a diferenza do planeta. Por riba de Marte e algo cara atrás verás un borranchiño. En realidade é un grupo moi, moi apertado de 4, 5, 6 ou quen sabe se 7 estrelas. Todo dependerá dos teus ollos e da contaminación luminosa. Son as Pléiades, aí a simple vista. Se tes uns prismáticos a man pega deles, o espectáculo mellora.

Baixando cara o horizonte sur segue a dominar a gran figura de Orión, coas súas 3 estrelas do cinto en fileira. Por baixo, só en ceos moi escuros (con prismáticos mellor) adivíñase a nebulosa de Orión. Pero o que si é seguro é poder distinguir as estrelas máis brillantes: arriba na esquerda Betelgeuse, abaixo á dereita Rigel. Xusto nesta nace un carreiro de estrelas que corre facendo unha curva coma o meandro dun río cara o horizonte; por iso leva o nome de Erídano. Nalgunha mitoloxía identíficase co río italiano Po.

Á esquerda de Orión na parte baixa está a estrela máis brillante do ceo nocturno, Sirio. Ao redor desprégase a constelación do Can Maior. Proba a imaxinalo erguido sobre as patas traseiras sendo Sirio o lugar dos ollos. Máis arriba destaca outra estrela moi brillante: Proción, na constelación do Can Menor. Se seguimos cara o cénit do ceo albiscaremos a constelación dos Xemelgos, coas súas dúas estrelas parellas, xuntas e iguais Cástor e Póllux. Por algo se chaman os Xemelgos.

Á dereita e por riba do touro tamén é sinxelo albiscar unha figura de hexágono irregular que representa ao Auriga e unha estrela moi brillante denominada Capella.

E moito máis, claro: o León, as Osas Maior e Menor (xa ao norte), Cefeo, Casiopea, Perseo, Andrómeda e outras menos recoñecibles, pero que podemos ubicar polos ocos que van deixando as constelacións máis distinguibles: o Uniconio, o Cangrexo, o Lince, o León Menor, a Xirafa… Podes descargarte o planisferio en branco e negro e imprimilo para levalo estes días no peto e que che sirva de guía. Aínda que a posición de Marte variará un chisco día a día así como o ceo, en función da hora, será unha boa axuda.

Por certo, xa votaches polas mellores imaxes do ano 2020? Hai sorteos entre os votantes.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Poderías gostar de...

Unha Lúa chea que non se ve

Na historia da humanidade saber cando a Lúa era chea foi algo fundamental. Os primeiros calendarios eran lunares, como son aínda o calendario eclesiástico, o

Para que vale unha eclipse lunar?

A resposta curta: para nada. A resposta menos curta: o espectáculo é sempre fermoso. Neste caso, foi unha eclipse parcial, pero tratar de vela entre

A contra luar

Para facer boas fotos é preciso: boa cámara, sentido estético e matemáticas. As matemáticas son útiles en todos os aspectos da vida. Sen saber trigonometría

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2023