Concurso Ceos Galegos 2020: resultados votación popular

Grazas a todos/as os participantes, tanto autores como votantes. Recibíronse 1564 votos que deron lugar aos seguintes resultados por categoría, para a escolla das mellores fotos dos Ceos Galegos do ano 2020.

Categoría: con telescopio

Dun total de 36 imaxes recibidas este foi o resultado.

  1. Jose PS coa imaxe titulada “O rei do inverno”. A nebulosa de Orión, a rexión de nacemento estelar máis achegada á Terra e na constelación do mesmo nome, nunha composición a partires de varias imaxes tiradas desde o xardín da casa do autor.

2. Jose PS coa imaxe titulada “o remuíño”. A galaxia do remuíño, coñecida tamén coma M51, cun fondo de estrelas no que tamén se poden albiscar outras galaxias máis afastadas.

3. Iago F.G.: as pernas de Orión. Unha panorámica da parte baixa desta constelación tipicamente invernal. As tres estrelas aliñadas en vertical no centor forman o cinto de Orión. Tamén aparecen as zonas denominadas cabeza de Cabalo, a Chama, a propia nebulosa de Orión maila nebulosidade entre elas. Tirada nos ceos de verán desde San Caetano (Santiago de Compostela).

Categoría: Xente e Ceo

Ata 71 imaxes na categoría que, ano a ano, desvélase como a máis numerosa. O ceo xunto con construcións humanas, edicificios, faros, cidades e persoas posando.

  1. Daniel Llamas Gómez: Fogar Ancestral. A Casola do Foxo (Muíños, Ourense) prestouse a esta composición coa complicación de ter que poñer a cámara case no chan. A panorámica está formada por 10 fotos verticais en 2 fileiras. No ceo aparece toda a familia do 19 de xullo de 2020: o cometa NEOWISE, Andrómeda, Saturno, Xúpiter, o centro galáctico…

2. José Manuel Lorenzo Valdivia: A vida dá moitas voltas. Imaxe circumpolar no Castro de Santa Tegra (A Guarda, Pontevedra), tirada o 22 de agosto de 2020. O tempo total de exposición chega aos 45 minutos, con tomas de 25 s.

3. Enrique García: Mar de Nubes. Desde o miradoiro de Monte Muralla (Rianxo e Lousame, A Coruña), por riba do mar de nubes alumeado pola Lúa albíscanse as constelacións do Arqueito e o Escorpión. E, como non, Saturno e Xúpiter. Unha imaxe que este ano supúxolle ao autor ser a portada de #CeosGalegos2021.

Categoría: didáctica/creativa

O primeiro ano con esta categoría tan intersante na que se presentaron 9 imaxes moi diferentes.

  1. Angelaros: e o seu traballo “lemniscata do país”. Unha obra de pacienca, pois recolle un resumo de imaxes da posición do Sol ao longo de todo un ano. Permite aprezar como a altura da estrela varía en función das estacións e as diferencias entre o tempo oficial e o tempo solar. A imaxe foi publicada (e explicada) no noso proxecto o pasado mes de xaneiro.

2. Gonzalo González Bernárdez: Ocultación de Venus pola Lúa. Recolle en varias tomas únicas unidas nunha composicion como o movemento do planeta Venus, o pasado 19 de xuño de 2020, entre as 8:00 e as 10:30. A Lúa en fase case nova, con só o 4% iluminada. Imaxes tiradas desde Ourense. A imaxe foi publicada no noso proxecto o pasado mes de setembro.

3. Iago F.G.: Andrómeda Psicotrópica. Un pequeno erro no aliñamento á hora de realizar unha toma da galaxia veciña á nosa provoca este efecto de psicotropía, que lle confire á imaxe o seu aquel. Tirada o 16 de xullo desde a parroquia de Fecha (Santiago de Compostela).

Categoría: Sistema Solar

Un total de 33 imaxes de planetas, de cometas, de conxuncións celestes… cunha calidade que dificultan moito quedarse coas mellores.

  1. Miguel Sánchez Varela: Saturno. Fantástica toma do planeta dos aneis que permite albiscar estruturas da súa atmosfera, así como a división de Cassini no sistema de aneis. Elaborada a partires dun vídeo de 200 s, escolmando o 20% dos fotogramas. A imaxe foi publicada no noso proxecto no mes de xullo.

2. Jose PS: as cores da Lúa. Imaxe da Lúa en cuarto crecente a partir de 60 instantáneas amoreadas e tratadas para salientar as cores do satélite. Esas cores están relacionadas cos diferentes materiais da superficie.

3. Igor Piñeiro: Cráter Tycho e Mare Nubium. Dende Soutomaior (Pontevedra), o 3 de maio de 2020 cun telescopio Dobson obtívose esta imaxe dun dos cráteres máis rechamangueiros da Lúa, polo material exectado que crea esa sensación de raiolas que apuntan ao interior.

Categoría: paisaxes celestes

Competían nesta categoría 39 imaxes. O ceo e a terra con toda a súa fermosura, sen construcións humanas que distraian a atención da beleza da natureza.

  1. Belén Guitián: Mar de Ardora. Fotografía realizada en Carnota (A Coruña) dun dos fenómenos máis significativos do verán de 2020, o mar de Ardora nas augas do océano, combinado coas luces das estrelas do ceo.

2. (Ex aequo) Aleixandrus: Unha cúpula nocturna. Imaxe panorámica do ceo de verán por riba do canón do Río Sil, coa galaxia de Andrómeda baixo a Vía Láctea á esquerda e os planetas Xúpiter, Saturno e Marte á esquerda (Monforte de Lemos, Lugo)

2. (Ex aequo) Jose PS: noie estrelada con Venus. Unha noite na praia de Nerga (Cangas, Pontevedra), nunha panorámica de catro fotos verticais nas que aparece Venus e as estrelas entre as nubes.

Categoría: MeteoFoto

A categoría con maior participación, un total de 64 imaxes de todo tipo de fenómenos meteorolóxicos.

  1. Eduardo Rivera: catedral de Santiago entre a bruma. Desde o monte do Pedroso (Santiago de Compostela), agardando a que a creacións das brétemas permitiran ver os cumios do Pico Sacro e das torres da catedral. A foto tirouse o 3 de xaneiro deste ano.

2. (Ex aequo) Igor Piñeiro: Lúa confinada. A lúa chea de maio saíndo preto do castelo de Soutomaior (Pontevedra) e xogando coas nubes.

2. (Ex aequo) Jose PS: o raio verde. Un estraño fenómeno que se pode dar no solpor e máis raramente no amencer. A situación do noso páis con gran parte da costa mirando ao oeste é favorable para que se deas as condicións que propician a aparición deste fenómeno óptico. Somos o país do raio verde.

Categoría: vídeo secuencia ou time-lapse

O primeiro ano desta categoría tivo unha moi boa aceptación, con 12 pezas candidatas e unhas 1000 visualizacións conxuntas. Outra das novidades que manteremos en anos sucesivos polo interese amosado. Os resultados da votación, baseados no número de “gústames” recibido na nosa canle de YouTube foi a seguinte:

1.-Noa Táboas: Pedaciños de Ceos Galegos

2.-Igor Piñeiro: Ceos de Pandemia

3.-Alfredo Madrigal: Nubes Galegas

Poderías gostar de...

Unha eclipse NON total de Sol

Foi por pouco, pero a eclipse non chegaba onda nós. Uns minutos despois do momento no que comezaba a Lúa a se meter na nosa

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024