1 A choiva de estrelas das perseidas nin é choiva nin é de estrelas. Afortunadamente. A Terra no seu movemento ao redor do Sol atravesa unha zona do espazo con abundancia de refugallos de xeo suxo e po deixados anos atrás por un cometa denominado 109P/Swift-Tuttle. O que vemos é o resultado da vaporización destes restos ao rozar a gran velocidade coa atmosfera deixando un ronsel máis ou menos longo.
2 O cometa 109P/Swift-Tuttle ten un periodo de 132 anos ao redor do Sol. Ata 2122 non estará de volta, polo que o natural é que o número de meteoros vaia diminuíndo por falta de material. Os meteoroides que orixinan as “estrela fugaces” ou meteoros adoitan ter o tamaño de grans ou pébedas, tan só. Pero non os despreces, pénsase que é o material primixenio que deu lugar aos planetas do Sistema Solar.
3 Pódense ver meteoros das perseidas desde o 17 de xullo deica o 24 de agosto. Durante o máximo pode haber ata un cento de meteoros por hora. Pero ollo, como o radiante está no horizonte por simple estatística as que pasen por riba de nós serán moitas menos. Dúas ou tres ducias por hora, en ceos moi escuros, pode ser unha predición optimista. Podes facer o teu propio conteo e comparar.
4 O meteoros das perseidas con moi rápidos, viaxan a 59 km/s. En comparación, os meteoros das xemínidas (decembro) van a 35 km/s. Non te estrañes se indo en compañía doutra xente non vedes os mesmos meteoros; non dá tempo a avisar aos demais para que miran onda nós miramos.
5 A repetición periódica desta choiva de meteoros foi deducida ao redor do ano 1837, de xeito independente, por varios científicos. Un deles, Edward C. Herrick, abraiado polas perseidas da noite do 9 de agosto de 1837 atopou referencias de sete casos máis. O máis antigo, en 1029 en Exipto. O máis recente, daquela, en 1833 en Inglaterra.
6 Pouco antes, o astrónomo estadounidense Denison Olmsted fora o primeiro en publicar un artigo sobre unha choiva dos meteoros que demostraba que se trataba dun fenómeno cósmico, non meteorolóxico. Era o ano 1833 e observara as leónidas da noite do 12 ao 13 de novembro, recibindo reportes de todo o país de observacións similares. A astronomía comezou a lle prestar a atención a un fenómeno que ata o momento desprezábase coma as nubes.
7 O primeiro en determinar que as perseidas tiñan o seu radiante ou orixe ficticia na constelación de Perseo foi o estadounidense John Locke, trala choiva de 1834. Era director dunha escola en Cincinnati (Ohio, EUA), ademais de físico.
8 Podemos ollar meteoros no ceo nocturno calquera día do ano. Non tantos como durante unha choiva de estrelas, pero calquera noite nun ceo escuro nos dará o seu regalo. Sempre debes levar roupa de abrigo, incluso nas noites de verán. A humidade é inimiga da comodidade. E mirar cara o cénit, a parte superior, tumbados nunha toalla ou manta axuda, pois abarcamos máis ceo cos ollos. Xa sabedes, pola noite mirade ao ceo.
Se gustas de ver fotos das perseidas levamos publicadas unhas cantas. Se gusta de ver o ceo pódeste suscribir á nosa NewsLetter (ligazón á dereita). A imaxe de hoxe foi tirada desde Cabeza de Manzaneda (Ourense) na noite do 10 de agosto de 2020. Tamén sobrancean Xúpiter e Saturno (os puntos máis brillantes á esquerda) e unha Vía Láctea en diagonal ferida polo ronsel meteórico na parte superior.