— Estás moi fermosa, peque.
— Grazas, mamai.
— En realidade, estou certa de que es a muller máis fermosa do mundo.
Un arroubo tinxiu a faciana da moza, Andrómeda, mentres a súa nai, Casiopea, continuaba a peiteala diante do espello. O problema é que esa fachenda chegou aos ouvidos de Poseidón, o deus dos océanos. El mesmo gabábase de que as súas protexidas, as ninfas dos mares, eran as mulleres máis belida do cosmos. E, sendo como era un deus do Olimpo, non podía ser que unha mortal coma Casiopea lle levara a contraria. Aínda que esta fose raíña dun territorio chamado Etiopía.
Cheo de carraxe, Poseidón maldeciu ese territorio e en castigo enviou alí a un monstro mariño, unha balea de grandes dimensións para que, ao chegar a costa, creara unha onda enorme que varrera o reino que gobernaban Casiopea mailo seu marido Cefeo.
Como castigo adicional, puxo a Casiopea no ceo de xeito que ao longo do ano dea voltas ao redor da estrela polar, estando ás veces ao dereito, ás veces ao revés, ás veces deitada. Porque esas estrelas con forma de M ou W representan na realidade a unha raíña sentada no seu trono.
A constelación de Casiopea é unha das recollidas por Ptolomeo no seu libro Almaxesto, recoñecida polo tanto na Grecia clásica. As súas 5 estrelas principais teñen un brillo parecido, formando unha figura bastante sinxela de localizar. Entre esta constelación e o Carro Maior está a Osa Menor e Polaris. No verán, ao comezo da noite, está sobre o horizonte norte coa forma de W. No outono comeza a aparecer á dereita de Polaris, de xeito que a nosa raíña estaría boca abaixo. No inverno nas primeiras horas da noite estaría por riba da estrela do norte, con forma de M. Na primavera xa irá á súa esquerda tralo solpor, estando a raíña correctamente sentada. Evidentemente, ao longo da noite e según a Terra rota o mesmo acontece con esta constelación. Ao estar tan preto do centro de xiro de rotación que é a estrela Polaris faise máis evidente ese movemento.Na imaxe saliéntanse as súas estrelas principais para favorecer o seu recoñecemento. Foi tirada na primavera do ano 2020 no concello de Rois (A Coruña). O fotógrafo empregou a súa cámara coa configuración de F1 e ISO 3600, empregando un tempo de exposición de 15 segundos.