Regalos do ceo, de tres en tres

Hai efectos atmosféricos que abraian. Por cotiás, aínda que non saibamos como se chaman. Ou non coñezamos a súa explicación. Porque gustamos de comprender o que vemos.

Preto do solpor parece que poidamos tocar as raiolas que se filtran entre as nubes. Son os raios crepusculares ou loairas. Como os da imaxe. Ou non? Se nos contan que o Sol estaba por tras do fotógrafo xa non é o que pensabamos. Entón, a que se deben? * (Ver nota final)

Este feito recibe a denominación de raios anticrepusculares ou antisolares. A explicación é a mesma cóo caso anterior. A luz solar é bloqueada por nubes de xeito discontinuo. Isto fai agromar un patrón de sombras e luz, potenciado pola presenza de po, aerosois e outras partículas que esparexen a luz solar. As raiolas viaxan en paralelo pero por efecto da perspectiva parecen converxer nun punto. No caso desta imaxe, na dirección oposta ao Sol polo que hai que darlle as costas para velos. Semellan converxer cara o punto antisolar. Como os raios crepusculares son liñas paralelas de luz solar provocados polos buratos entre as nubes. A aparentemente estraña dirección débese a un efecto de perspectiva.

Podemos pensar nas liñas dunha: son paralelas. Pero cara diante parecen converxer nun punto ao lonxe. Cara atrás, o mesmo, en dirección oposta. Os raios crepusculares e os anticrepusculares compórtanse do mesmo xeito.

Non son raros pero requiren certa atención. Por exemplo, cada vez que vexas raios crepusculares mira na dirección oposta. E, aínda máis raros, serían os raios solares atravesando en paralelo polo alto do ceo.

A maiores, o autor da imaxe captou un arco da vella principal e un arco da vella secundario, coas cores invertidas. Son os tres regalos que o ceo ofrece as persoas atentas. Neste caso no lugar de Igrexafeita do concello de San Sadurniño (A Coruña).Na nosa web contamos cunha sección propia para recoller todos estes fenómenos de óptica atmosférica. Só requiren andar polo mundo atentos/as á nosa contorna. Cantos deles coñeces?

NOTA: en realidade este fenómeno ten outra denominación; a roda do arco da vella. Moi semellante ao fenómeno dos raios anticrepusculares, parecen saír tamén do punto antisolar, que coincide co centro do círculo do arco da vella. Parecen formar os radios dunha roda de bicicleta coa diferenza de seren máis brillantes, pois fórmanse por pingas de auga máis grosas que definen mellor a dirección das raiolas.

Poderías gostar de...

O ano das auroras boreais galegas

Querido mañá, se cando leas isto eu xa estiver lonxe no tempo e no espazo que saibas que hai auroras inauditas coa rubién do que

Imaxe de telescopio na nebulosa Augamar

Unha augamar para a portada

Hai 30 000 anos unha estrela estoupou, enchendo o espazo ao seu redor dos materiais que foi creando no seu interior. No lugar da estrela

Os cometas son como os gatos…

…ámbolos dous teñen cola e son impredicibles. O cometa C/2023 A3, tamén coñecido como cometa Tsuchinshan-ATLAS, apareceu publicado en xornais como o “cometa do século”,

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2025