Un Sol máis activo

O Sol sempre está activo. Por iso temos a súa luz e calor no noso planeta. Hai veces que está máis activo ca outras. E, así, sabemos dun ciclo de 11 anos nos que pasa dun mínimo a un máximo de actividade solar. Canta máis actividade máis labaradas, máis expulsións de partículas cargadas, máis tormentas solares, máis manchas, máis auroras polares e máis problemas. Ou posibles problemas.

Cos aparellos axeitados podemos verlle manchas ao Sol. Cando as ten. Como o último mínimo de actividade solar está datado no mes de novembro de 2019, paseniñamente será cada ano máis interesante a súa observación. E agora comezan a asomarlles as manchas como estas da imaxe que publicamos. Tomada cun filtro especial, para a seguridade do telescopio e do observador, rexistra varios grupos de manchas solares que foron etiquetadas cos números 12866 (esquerda) e 12868 (dereita). En cada grupo vemos partes máis escuras, ou umbras, e outras máis grises ou penumbras. As primeiras son zonas moi frías, uns 4000 ºC. Dicimos frías por contraste coa temperatura normal da superficie solar, que anda nos 6000 ºC. Precisamente é ese gran contraste térmico o que provoca que aparezan tan escuras. Se queremos ter unha idea da súa escala podemos pensar que teñen un tamaño comparable coa nosa Terra

As manchas aparecen na fotosfera, que vén a ser a superficie visible para nós, da que provén a luz solar. O granulado que enche toda a imaxe débese ás células de convección, reflectindo o continuo movemento do plasma solar cara o interior e cara o exterior. Aínda se estuda a verdadeira natureza das manchas, pero parece claro que a súa aparición débese á rotura deses fluxos de material e das liñas dos campos magnéticos cara o interior da estrela.

A observación solar directa é moi perigosa e nunca se debe facer sen os instrumentos axeitados. O risco de cegueira é real, se empregamos prismáticos ou telescopios non axeitados.Esta captura do Sol corresponde ao día 11 de setembro de 2021, desde as terras arzuanas  nas que opera o Observatorio DITO empregando a partires de 800 fotogramas amoreados dun vídeo que tiña máis de 4000. Cámara e filtros acoplados a un telescopio tipo Newton 190/1000 con montura motorizada.

Poderías gostar de...

Tres ducias de perseidas e moito máis

Unhas cantas horas de observación e 600 fotografías despois resultan nesta imaxe: máis de tres ducias de perseidas no mesmo cadro. Se prolongamos os ronseis

Auroras boreales galegas

Décadas agardando contemplar desde o país este fenómeno extraordinario remataron nas noites do 10 e o 11 de maio. Unha gran actividade solar xerou unha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024