O centro do mundo, do noso mundo

Ola. Canto hai que non me ves?

Son a Noite. A Noite Escura:

como non lembrar a horta na que agroman meteoros

[ou os 5000 astros que poderías ver e non ves]?

Tamén no poema sospéitase a semente

peregrina ata unha aurora revolucionaria.

Estíbaliz…Espinosa no #CeosGalegos22

Ollar ao ceo nocturno para descubrir as estrelas. Ollar toda a noite para te decatares de que as estrelas se moven. Ollar toda a noite para pensar que o ceo xira sobre a túa cabeza. De aí a pensar que estás no centro do universo, un paso.

A Terra como centro do Universo é un dos primeiros modelos científicos para explicar os movementos dos astros no ceo. É unha explicación sinxela é que permite comprender certo número de observacións. Pero incompleta e que, co paso dos séculos, necesitou ser refinada para poñer ao Sol no centro do Universo, nun primeiro paso, ao Sol nun recuncho dunha galaxia, nun segundo paso e deixar de considerar que poida existir un centro do Universo como tal, ao final.

No centro do noso mundo todo parece xirar ao redor da catedral de Santiago de Compostela. A cidade, capital administrativa, cultural e educativa do país está ligada ao ceo nocturno desde o seu mito fundacional, ata o punto de que a visión nocturna da Vía Láctea recibe o nome de Camiño de Santiago. Madia leva cos pelegrinos que traten de chegar a Compostela seguindo a Vía Láctea pola noite, non chegarían na vida enteira. Malia iso, contemplar as estrelas desde o centro da cidade é case imposible. Contemplar o ceo nocturno desde calquera cidade galega é case imposible. Os humanos somos tan estúpidos que anulamos un dos espectáculos máis evocadores, fermosos e de balde que temos sobre a nosa cabeza por culpa da contaminación luminosa.

Aproveitando días de semi-confinamento con toque de recolla ás 23:00 do pasado mes de xaneiro, con menos persoas na rúa, máis tempo libre, un trípode o autor puido compoñer esta imaxe. Tirou un total de 172 tomas de 30 s de duración cada unha, a ISO 100 para captar o ceo, máis unha toma de 4 s para a fronte da catedral. Grazas á moita apertura do diafragma, moito tempo de exposición e moitas tomas, chegou a recoller os fotóns das estrelas que, vidos desde moitos anos luz de distancia, conseguiron atravesar a contaminación luminosa do alumeado artificial da fachada do Obradoiro. A estampa, espectacular, abre a nosa edición de #CeosGalegos22 que por quinto ano consecutivo quere levar ciencia, cultura e astronomía aos fogares e oficinas galegos (e do resto do mundo). Na versión impresa, acompañada polas palabras de Estíbaliz Espinosa e de Jorge Mira, como o resto das imaxes.

O rol central da Estrela Polar (no Carro Menor), punto sobre o que xira o firmamento e que marca o norte, visualizado dende un dos epicentros de Galicia. Por mor do achatamento dos polos, Sol e Lúa tenden a alinea-lo eixo de rotación da Terra co seu eixo de traslación, e iso causa unha precesión que fará que dentro de 12500 anos a estrela polar sexa Vega (na constelación de Lira). Nese momento, en xaneiro será verán no hemisferio norte e en xullo, inverno.

Jorge Mira en #CeosGalegos22

Poderías gostar de...

O cangrexo foi o primeiro

Imaxinade que sodes un astrónomo na busca da fama. Daquela, polo século XVIII, o máis doado era atopar un cometa, publicalo e agardar a que

Ás voltas co ceo estrelecido

Imaxinades ter ollos que foxen quen de rexistrar a luz que lles chega durante minutos? Pola noite descubrirïamos que o ceo xira ao redor das

Flores no ceo, flores na terra

Vistes as flores celestes? Máis ben son as flores cósmicas. Aí, no medio desa nube que se estrica en diagonal pola imaxe, semellan caraveis rosas.

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2025