Así no mar coma no ceo

Faro de cabo home, con mar de ardora na costa da vela e o ceo estrelado

Receita de recendos para unha noite de verán

Mestura a partes iguais

moléculas de ardora e perseida

de marusía e Andrómeda

co gusto de saber amoras madurecer.

Primeiro o Big Bang, logo douscentos mil millóns de galaxias

ata chegar a ti, aquí: aspirando agosto. Gózao.

Estíbaliz Espinosa nos #CeosGalegos22

Ás veces miras ao ceo e ves estrelas. Ás veces miras á terra e ves luces. Ás veces miras ao mar e ves… luces? A finais do verán de 2021 a costa da Vela viuse chea de luceciñas nocturnas. Probablemente eran microalgas denominadas Noctiluca scintillans que, por segundo ano consecutivo, deron en nos alegrar as noites. 

No primeiro plano, os 18 metros de altura do faro de Cabo Home protexen a costa da Vela e serven de referencia para aprender da imaxe. Á súa esquerda, a luz dun barco pérdese na curvatura terrestre. A primeira terra que albiscamos, escura, é a illa de Ons do Parque Nacional das Illas Atlánticas, practicamente anegada con toda a contaminación luminosa da ría de Pontevedra, as vilas de Portonovo e Sanxenxo xa á dereita do faro. Na terra máis achegada as luces de Donón (Cangas do Morrazo) paseánse polo océano, esvaéndose coa aparición do mar de ardora.

No ceo, por riba de Ons e á esquerda do faro enxergamos o Setestrelo ou Carro Maior, as sete estrelas principais e máis brillantes da constelación da Osa Maior. O detalle é tal que a pouco que nos acheguemos á imaxe veremos que estrela do medio da cola son dúas estrelas en realidade, Alcor e Mizar, que só pola perspectiva parecen ser unha. Na dereita da imaxe a Vía Láctea trata de se facer visible entre as luces artificiais, quedando aínda máis á dereita as constelacións de Casiopea, Perseo e a galaxia de Andrómeda, apenas un borronchiño difuso.

O autor tirou 6 imaxes en vertical que despois uniu dixitalmente para compoñer esta panorámica. Valeuse da súa cámara Nikon D750 a f 2.8, ISO 6400 e cun tempo de exposición de 15 segundos para cada toma. Valeulle para ocupar a páxina adicada co mes de xaneiro na edición #CeosGalegos22.

Poderías gostar de...

Tres ducias de perseidas e moito máis

Unhas cantas horas de observación e 600 fotografías despois resultan nesta imaxe: máis de tres ducias de perseidas no mesmo cadro. Se prolongamos os ronseis

Auroras boreales galegas

Décadas agardando contemplar desde o país este fenómeno extraordinario remataron nas noites do 10 e o 11 de maio. Unha gran actividade solar xerou unha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024