Leonardo, o cometa do ceo deste Nadal

Ola. Son Leonardo. Son un cometa. E pódesme ver no ceo. Ou case. En realidade, o meu nome é Leonard, C/2021 A1 (Leonard) para ser precisos. Chámome así porque fun descuberto por Greg Leonard o 3 de xaneiro de 2021. Como é posible que non me coñecerades? Porque viaxo unha vez ao interior do sistema solar cada 80 000 anos. Así que daquela estabades ocupados convivindo Sapiens con Neanderthalis, Cromagnóns e outros homos, pero ao mellor non se me vía no ceo e ninguén se decatou. Se cadra era inverno e faría frío. Como agora. Vou moi rápido, a uns 70-80 km/s, para poder liscar axiña do Sol, ao que me achegarei de todo o 3 de xaneiro de 2022, un ano despois de me descubrirdes.

Queres verme? Pois atoparme no ceo vai ser relativamente sinxelo, pois ando preto de Venus. Estes días pasarei de estar un pouco á súa dereita a moverme cara a esquerda, desde o punto de vista dos terrestres. Atopar a Venus é moi doado; tralo solpor, pretiño do lugar no que se ocultou o Sol, será o astro máis brillante do ceo. O malo, que aínda estaredes entre o lusco fusco e, dependendo de se tedes montañas ou edificios pode resultar complicado. Pero animádevos. Ver o ceo nocturno sempre é un espectáculo marabilloso e de balde. Estas son as miñas recomendacións:

  • procurade un lugar escuro e afastado da cidade. Se estades na costa ide á praia para ver o solpor. Se estades no interior subide a algunha montaña
  • levade prismáticos; todo mellora sempre usando prismáticos
  • levade roupa de abrigo, algo de beber quente, roupa de abrigo, a imaxe superior e roupa de abrigo. Si, o da roupa é fundamental porque a astronomía é unha actividade estática e os días van fríos.

A partires das 17:30 xa podedes poñervos en situación e axexar o universo durante unha hora. Aínda hai luz, pero vou tan baixo no horizonte que se non estades atentos non me ides ver. Collede os prismáticos e buscade Venus. Aí estarei eu, por baixo, á dereita, á esquerda… Como son? Pois como unha estreliña borrosa. Non contedes con ver a miña cola, pois iso será moito máis difícil e depende da perspectiva. Pero se vedes unha manchiña borrosa ese son eu. Ao mellor chegades a me albiscar a simple vista; a medida que me achego ao Sol o meu temperamento faise algo irascible e ás veces teño estoupidos de po e xeo.

Saudade, volveremos a vernos dentro de 35 000 anos. E, se non conseguides verme, admirade a visión dos planetas no ceo e usade os prismáticos. Seguro que descubrides cousas.

O día 16 de decembro estarei a 0,289 Unidades Astronómicas (1 UA son uns 150 millóns de quilómetros) de distancia da Terra e aunha altura de 17,2 º sobre o horizonte e unha distancia angular do Sol de 21,6 º. A vosa man aberta co brazo estendido mide uns 20 º, para que comparedes. O día 17 estes datos serán 0,315 UA, 16,5º e 25,5º. O día 18 serán 0,345 UA, 15,8º e 28,9º. O día 19 serán 0,376 UA, 15,2º e 31,6º.

Poderías gostar de...

Tres ducias de perseidas e moito máis

Unhas cantas horas de observación e 600 fotografías despois resultan nesta imaxe: máis de tres ducias de perseidas no mesmo cadro. Se prolongamos os ronseis

Auroras boreales galegas

Décadas agardando contemplar desde o país este fenómeno extraordinario remataron nas noites do 10 e o 11 de maio. Unha gran actividade solar xerou unha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024