Chovendo estrelas, ou non

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Caen as estrelas do ceo. Ou non, porque non son estrelas. Pero se son choivas de estrelas… A verdade é que nin é choiva nin son estrelas. O nome, aínda que máis poético que o formal de “choiva de meteoros”, non deixa de ter o seu atractivo. Se o conservamos é por motivos históricos. E porque nos permite corrixir a quen fala para explicarlle a realidade.

As choivas de meteoros prodúcense cando na súa órbita solar a Terra atravesa unha zona do espazo chea de refugallos de xeo ou rocha. Estes refugallos, normalmente do tamaño de milímetros, tentan furar a nosa atmosfera pero acaban desfacéndose a unha altura de varias deceas de quilómetros, polo rozamento. No seu camiño deixan un ronsel luminoso, como se arderan. A orixe dos refugallos adoita ser un cometa que, ao se achegar ao Sol, comeza a formar a súa característica cola; restos de xeo desprendidos por efecto do vento solar.

Na imaxe temos unha choiva de meteoros especial: as xemínidas. Especial porque a súa orixe é un asteroide en vez dun cometa; Faetón. Especial porque é relativamente recente, a primeira observación é de finais do século XIX, cando outras choivas de meteoros como as leónidas ou as perseidas xemínidas teñen séculos de observacións. Especial porque nunha soa imaxe podemos contar catro meteotos xuntos. Especial porque, como o resto de imaxes que publicamos, foi tirada cos pés no país, neste caso desde a parroquia de Cabeiro (Redondela, Pontevedra).Coma o resto das choivas as xemínidas reciben o seu nome porque o radiante está na constelación dos Xemelgos. Ou sexa, os meteoros parecen provir desa constelación por efecto da perspectiva. E na imaxe de hoxe podemos comprobalo claramente. Xuntando nunha toma varias capturas da noite do 13 ao 14 de decembro pasado, no máximo da actividade, o autor permítenos descubrir a constelación dos Xemelgos, coas súas estrelas principais Castor e Pollux, na parte superior esquerda da imaxe. Por riba dos meteoros máis intensos da dereita podemos albiscar a constelación de Orión.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Poderías gostar de...

Xa é primavera nos Ceos Galegos

Xa chegou a primavera ao hemisferio norte, o outono ao hemisferio sur. O equinoccio da primavera é un evento astronómico preciso que acontece ás 22:24

Un Sol con forma de estrela

Nalgunhas fotos o Sol parece unha estrela. Porque é unha estrela. De feito, os anglosaxóns aplícanlle un nome un tanto reiterativo: “sunstar” ou “sunburst”. Estamos

Forzas do ar, terra, mar e lume

Disque nesa pedrafita conflúen todas as forzas do Cosmos. Eis o fito de nome Marco do Vento, sen dúbida moi acaído. O lugar é senlleiro;

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2023