Sol na calixe

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Nunca se mira de fite ao Sol. Nunca se dispara ao Sol coa cámara. Agás que uses filtros axeitados. Ou se hai calixe. E estes días veu unha cantidade de po procedente do deserto do Sahara como non se lembraba. E formouse a calixe.

A nosa fotógrafa tirou así está marabillosa imaxe do Sol que nos permite aprezar varias manchas solares. Son rexións da fotosfera solar cunha temperatura moito máis fría que o resto, polo que o contraste fainas aparecer máis escuras. Xa hai varios séculos que se rexistran por astrónomos de todo o mundo. Permiten coñecer máis do comportamento do Sol e dos seus ciclos de actividade máxima que acontecen cada 11 anos. Historicamente se menciona a súa existencia varios séculos antes da nosa era, por astrónomos chineses. Seguro que eran grandes manchas, visibles a simple vista e cun Sol filtrado pola calixe, a brétema ou as nubes altas. O primeiro rexistro histórico data do século XII por un monxe inglés, John de Worcester.

Neste caso aparecen varios grupos de manchas denominados cos números 2965 (o máis numeroso),  2967 (cunha única mancha, na parte superior) e o 2970. Se ampliades a imaxe percíbese que as manchas máis grandes teñen zonas moi escuras ou umbras e outras máis claras, as penumbras.

A imaxe do Sol, máis escuro no limbo e máis claro no centro, permite aprezar a súa simetría esférica. Foi tirada desde Ponteareas (Pontevedra) ás 18:00 horas do 16 de marzo, coa cámara sobre trípode e obxectivo Tamron 600 mm, F 10, ISO 100 e velocidade de obturación de 1/1000.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Poderías gostar de...

Para que vale unha eclipse lunar?

A resposta curta: para nada. A resposta menos curta: o espectáculo é sempre fermoso. Neste caso, foi unha eclipse parcial, pero tratar de vela entre

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2023