Como ver seis planetas

Estes días podes facer algo de astronomía a simple vista, sen coñecementos e de balde. Poderás gozar da contemplación e recoñecemento de 6 planetas. Como? Vai a nosa guía en 4 pasos

  1. Unha obviedade para comezar, pero non está de máis. Todo o que contemos non vale se hai nubes ou brétema.
  2. Outra obviedade non tan obvia; a observación que propoñemos para estes días é válida incluso desde vilas e cidades. Só tes que ter despexada esa parte do ceo. Se hai montañas hai que telo en conta para observar un pouco antes da hora indicada. E poderás facela durante bastantes días.
  3. Tralo solpor, mira por onde se puxo o Sol. Por aí comezará a brillar Mercurio, ata ocultarse tralo horizonte unha hora e cuarto despois de que o faga o Sol, máis ou menos. Así que terás que descubrilo antes de que se faga noite pecha, durante ese tempo indeterminado chamado o luscofusco. Non será o punto máis brillante en aparecer no ceo, pero case. A estrela Sirio é máis brillante e, ao estar máis afastada do oeste, aparecerá no ceo antes.
  4. Antes do amencer. Se o Sol está a saír estes días cara as 8:00 aproximadamente terás que madrugar algo máis, ás 7:00 máis ou menos. Algo máis complicado que o punto anterior, pero cun premio maior: poderás ver catro planetas dunha arrancada. En orde de máis achegados ao leste (por onde sairá o Sol) aparecen Xúpiter, Venus (o máis brillante), Marte (cun ton colorado) e Saturno.
  5. Se tes prismáticos apunta a estes catro planetas (nunca ao Sol, coidado con isto). Mellor cun trípode ou pousa en algo/alguén. En Xúpiter poida que vexas algúns dos seus catro satélites principais ao seu carón. En Venus poida que albisques que está en fase, como un cuarto crecente lunar. Con Marte a súa cor será máis notoria, mentres que en Saturno poida que vexas que está aplastado e, se os prismáticos son bos, que realmente ten un anel ao redor. Parabéns, todo iso descubriuno Galileo Galilei hai varios séculos ollando cun trebello de calidade bastante peor, pero con boa vista e ceos máis limpos.
  6. E o sexto planeta, ese é máis doado: está baixo os teus pés e chámase Terra. Xa descubriches os seis planetas coñecidos desde a antigüidade. Mercurio, Venus, Marte, Xúpiter e Saturno (en orde de máis preto a máis afastados do Sol) mudan de posición no ceo co paso dos días. Pódelo comprobar por ti mesmo repetindo observación dentros duns días. Será máis obvio para os primeiros planetas, pois están máis preto do Sol e orbitan moito máis rápido, como explican as leis de Kepler. Incluso poderás ver como Mercurio se deixa de ver ao pasar por diante do Sol e como Venus e Marte trocan posicións cos outros planetas.

As imaxes anteriores están creadas para o meridiano da cidade de Ourense nas horas indicadas do día 20 de abril de 2022. Podes crear os teus propios planisferios na aplicación web de Heavens-Above ou instalar a súa app no teu móbil.

Poderías gostar de...

Ás voltas co ceo estrelecido

Imaxinades ter ollos que foxen quen de rexistrar a luz que lles chega durante minutos? Pola noite descubrirïamos que o ceo xira ao redor das

Flores no ceo, flores na terra

Vistes as flores celestes? Máis ben son as flores cósmicas. Aí, no medio desa nube que se estrica en diagonal pola imaxe, semellan caraveis rosas.

O ano das auroras boreais galegas

Querido mañá, se cando leas isto eu xa estiver lonxe no tempo e no espazo que saibas que hai auroras inauditas coa rubién do que

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2025