Soño de noite de verán, premio do público 2021

Nunha arca gardamos as cousas de valor. A moura que construíu esta arca de pedra ben puido estar pensando en gardar dentro o Universo. Máis a tampa moveuse e pola boca saiu un carreiro de estrelas que formou a Vía Láctea. Di a lenda que a moura carrexou as pedras na cabeza pois estaba dando de mamar a un cativo. Nós completamos a lenda para darlle forma á intención da autora da imaxe, captar a Vía Láctea saíndo desde o Dolmen da Pedra da Arca (Malpica de Bergantiños, A Coruña). Se pensamos que na mitoloxía grega a Vía Láctea formouse polo leite derramado cando Heracles se soltou do peito de Hera, o paralelismo está claro.

A nosa reinterpretación da lenda é inventada, como tamén é inventado que o camiño das estrelas leva aos peregrinos a Santiago de Compostela. Porén esta afirmación así aparece recollida no Códice Calixtino.

Verdades ou mentiras. Contos, lendas ou ciencia. O que si sabemos é que todas esas estrelas do ceo pertencen á nosa galaxia, o mesmiño que o noso Sol. O mesmiño que a Lúa que comeza a se agochar pola dereita. O mesmo que as estrelas que, por riba do dolmen e a rentes do horizonte, forman a constelación do Escorpión. Cortando o cumio dos eucaliptos está a zona central da Vía Láctea. Mesmo ampliando a imaxe albiscamos algunha nebulosa en tons violáceos, lugares nos que se están a formar estrelas.

A fermosa panorámica composta a partires de 6 imaxes valeulle á Soraya Sampedro ser escollida polo público do noso concurso de mellores imaxes do ano 2021, na categoría de “Xente e Ceo”. Parte do mérito correspóndelle aos nosos antergos, quen nalgún momento do terceiro milenio antes da nosa era decidiron construír este monumento funerario.

Poderías gostar de...

A eclipse galega de sol (i)

Unha eclipse total de sol é o maior espectáculo que a natureza nos pode ofrecer. Gozar del ao carón do fogar é unha simple casualidade

A Eclipse Galega (i): que imos sentir

Unha eclipse total de sol é, sobre todo, unha experiencia para sentir, para vivir, en solitario ou coa familia ou co grupo de amizades. Independentemente

Desde a caverna

Cando miramos desde o fondo da espenuca, para ollar a realidade, o abraio pode ser maiúsculo. Na nosa imaxe esa sería a realidade fóra das

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026