Contamos? Un, dous, tres, catro, cinco, seis e… sete.
Dunha tacada podemos contemplar todos os planetas que a humanidade coñece desde a antigüidade: os planetas visibles á simple vista. Aparecen formando un fermoso aliñamento ou arco no ceo. Iso si, ten que ser antes do amencer que, dada a situación xeográfica do noso país, obríganos a madrugar antes das 6:30 a.m.
A recompensa? Ver en liña, de esquerda a dereita, a Mercurio, Venus, Marte, Xúpiter e Saturno. Ollo, iso vale para este mércores 29 de xuño. E para o xoves 30 de xuño. E para… Lembrade que todo se move no ceo. Dada a súa proximidade ao Sol, Mercurio e Venus son os que máis mudan de posición no ceo terrestre. Segundo avance o mes de xullo Mercurio comezará a se agochar por detrás do Sol, sendo invisible ata aparecer no solpor dentro duns meses. Como bonus do espectáculo, os planetas aparecen ordeados no ceo de menor a maior distancia ao Sol. Como premio extra, na imaxe tamén aparece Urano, só visible con telescopios. Podes descargar un planisferio da zona como guía.
Na foto tirada sobre a vila de Compostela aparece tamén a Lúa, en cuarto minguante. Se vos parece que os planetas están aliñados pensade que máis ou menos todos se moven no mesmo plano polo espazo. Como nós mesmos estamos dentro dese plano, estamos vendo de canto o lugar polo que pasan os planetas, a Lúa mailo Sol. Na zona sur do noso ceo, debido a nosa latitude nos corenta e pico graos norte do planeta. Como vedes, toda esta información está relacionada.
A panorámica formouse a partires de tres fotografías tiradas cada unha con 6 segundos de exposición e ISO 400.
E, u-lo sétimo planeta? Ese tédelo baixo os vosos pés.