Flores para Frank

– E logo? Haberá vida noutros lugares do Universo?

– Pois haberá, de certo.

– E, algún día o saberemos?

– Pois non, o máis probable.

A imaxe da galaxia de Andrómeda amosa nun excepcional colorido unha manchea de nebulosas en cores rosadas, lugares onde se están a formar estrelas novas e, en moitas delas, planetas. Un ronsel de flores espalladas polos brazos desta galaxia espiral. Hai tan só cento e dous anos discutiamos se esta galaxia estaba dentro ou fóra da Vía Láctea. Hoxe estamos certos de que hai millóns de galaxias a todo tipo de distancias da nosa. Andrómeda, está a 2,5 millóns de anos luz, unha barbaridade en termos humanos. Aí ao carón en termos cósmicos.

Hai medio século Frank Drake formulou unha expresión para estimar o número de civilizacións extraterrestres que podería haber na nosa galaxia. Coñécese como ecuación de Drake, unha mera multiplicación de varios termos que inclúen datos estimados (taxa de formación estelar, estrelas con planetas, planetas que poidan ser habitables…), datos que cada vez coñecemos con maior precisión, e un só dato que depende da humanidade. Este, o número de anos de duración dunha civilización; entendida esta como o tempo durante o cal a humanidade (neste caso) conta coa tecnoloxía para poder comunicarse fóra do seu planeta. Polo momento, podemos pensar que ese termo ten un valor duns 80 anos, e subindo. Cando máis grande sexa ese número, canto máis tempo sexamos quen de manter unha civilización tecnolóxica neste planeta sen destruílo, máis posibilidades haberá de que nalgún momento sexamos quen de descubrir vida noutros lugares do Universo. E de contactar con ela, aínda que coa física e a tecnoloxía actual iso sexa imposible.

A nave espacial humana máis afastada de nós é a Voyager I, lanzada no ano 1977. Ata o de agora viaxou algo máis de 23.000 millóns de kilómetros ou 156 Unidades Astronómicas (distancia Terra-Sol). Os seus datos tardan en chegar a nós 21 horas, viaxando á velocidade da luz. Aínda está moi lonxe de chegar a ningures, pero é que o espazo aí fóra é tremendamente grande.

Hoxe finou Frank Drake, fundador do proxecto SETI que se adica á procura de vida intelixente fóra do Sistema Solar desde hai 60 anos. Quizais sexa a investigación máis estéril feita emprendida pola humanidade durante o século XX, que aínda segue. O máis seguro que esa procura non acabe nunca.Quizais sen a existencia dese proxecto non poderíamos sentirnos parte da Humanidade, parte do Universo do que estamos feitos.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024