Sabes onde estás?

Estás perdido e non sabes onde estás? A astronomía sae ao teu rescate. Olla a foto. Só tes que procurar a estrela polar e mirar a súa altura sobre o horizonte. Como? Pois apunta a ela co brazo ou cun pau ou co que teñas a man e mide o ángulo que forma ese pau co chan, ben niveladiño. Neste caso vai ser 42º 51′ 34.9″ de latitude norte, exactamente. Para a lonxitude xa sería algo máis complicado, pero por algo se comeza.

Non sabes cal é a estrela polar? Olla a imaxe. No centro das circunferencias, no recuncho superior dereito, aí está Polaris. Realmente non está no centro, senón un pouco desprazada. Por que? Porque o eixe imaxinario ao redor do cal xira o noso planeta apunta a ese lugar do ceo, por casualidade. De feito, o propio eixo abanea facendo un xiro completo cada 26.000 anos facendo que vaia apuntando a diferentes lugares do ceo; as máis das veces a ningunha estrela. Na nosa época, que estea preto de Polaris nos pode axudar a orientarnos. Non sempre teremos un GPS a man.

Hai moito máis na imaxe, como eses ronseis case rectos que desvelan o ecuador celeste. Ou os que se curvan cara a esquerda, ao redor do polo sur celeste que, por suposto, nunca ollaremos desde aquí. E o feito de aprezar que o Terra rota de xeito inclinado sobre si mesma e ao redor do Sol, o feito que provoca que teñamos estacións con diferentes temperaturas.

Na imaxe aparece o castelo de Pambre (Palas de Rei, Lugo), un dos poucos que están enteiros no país. Seica resistiu os embates das revoltas irmandiñas do século XIV. O autor empregou a súa cámara Canon 6D cun obxectivo Sigma de 14 mm a F 1.8. Por suposto, precisou un trípode para tirar 92 fotos de 30 s de exposición cada unha a ISO 3200. Ao axuntalas informáticamente conseguiu ese efecto de ronseis circulares, debidos á rotación terrestre. E nós escollémola para que aparecese no mes de setembro do noso #CeosGalegos22, aínda que aparece un pouco cortada. E tamén en formato #AstroPostal, co seu formato completo, pero máis pequena.

Xiras, nordés, no xardín nocturno, xiras

entre a rotación do equinoccio e o lique da pedra.

E se algo incrible espera ser descuberto, dime:

por que non ti?

por que non aquí?

Estíbaliz…Espinosa no mes de setembro de #CeosGalegos22

Poderías gostar de...

A pantasma dos Ancares de mudanza

Pode parecer arrepiante pero non é unha imaxe doutro mundo. En realidade é un fenómeno óptico que ten nome de seu: o espectro de Brocken.

Tres ducias de perseidas e moito máis

Unhas cantas horas de observación e 600 fotografías despois resultan nesta imaxe: máis de tres ducias de perseidas no mesmo cadro. Se prolongamos os ronseis

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024