Rebentou unha estrela

— Urg!

— Urg!, urg!

Así dirían os Homo sapiens sapiens que, hai 10.000 anos, viron unha estrela refulxir no ceo diurno. Ou destacar moito sobre as demais no ceo nocturno. Aínda que non tiveran catálogos estelares como os actuais, o evento destacou con toda seguridade, xa que pensamos debeu brillar bastante máis que o Venus nos nosos ceos.

Viñan de contemplar como unha estrela cunha masa unhas 20 veces superior ao noso Sol remataba o seu combustible nuclear e, derrubándose sobre si mesma pola propia gravidade, estoupaba pola forte compresión e temperatura acadados. No estourido creáronse novas reacciós de fusión nuclear creándose elementos coma o ferro, o cobalto ou o níquel, como os que temos no noso planeta. As capas externas están a se espallar desde aquela, tendo “hoxe” un diámetro duns 110 anos luz. Dicimos “hoxe” porque ao estar a unha distancia duns 2100 anos luz, isto que vemos data de cando o Espartaco andaba a enguedellar cos romanos e os castrexos xa sabían de que pau ían estes.

A excelente imaxe agrupa varios elementos que aparecen diseminados en varios catálogos astronómicos. Como é tan grande non foi ata hai pouco que puidemos interpretar que toda esa nebulosidade pertencía ao mesmo fenómeno cósmico. Á esquerda temos a parte leste da nebulosa, á dereita a parte occidental e, na parte superior central, o “triángulo de Pickering”. O nome púxollo a súa descubridora, Williamina Fleming, unha das astrónomas que revolucionou a astrofísica co seu traballo a cabalo dos séculos XIX e XX no equipo do astrónomo Pickering na Universidade de Harvard (EUA). Descubriu esa tenue nebulosidade con forma triangular ao revisar placas fotográficas do ceo.

A imaxe foi tirada o pasado mes de xullo por un novo colaborador desde as terras ourensáns de Vilamarín. Se hoxe contempláramos un espectáculo así probablemente diriamos algo semellante aos nosos antepasados.

Poderías gostar de...

Tres ducias de perseidas e moito máis

Unhas cantas horas de observación e 600 fotografías despois resultan nesta imaxe: máis de tres ducias de perseidas no mesmo cadro. Se prolongamos os ronseis

Auroras boreales galegas

Décadas agardando contemplar desde o país este fenómeno extraordinario remataron nas noites do 10 e o 11 de maio. Unha gran actividade solar xerou unha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024