Comezou o outono? Depende

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Astronomicamente falando, no país xa chegou o outono hai uns días. Meteoroloxicamente falando, parece que seguimos no verán, aínda que as temperaturas xa son máis baixas pola diminución das horas de sol, pero con nada de chuvias.

Todo isto se falamos da nosa latitude, uns 42 ºC norte, no hemisferio setentrional. Por “debaixo do ecuador” ou no hemisferio sur as cousas van ao revés. Alí vén de comezar a primavera. O motivo, que o noso planeta é unha esfera achatada polos polos que xira ao redor do Sol pero de xeito inclinado. Ou sexa, o eixo de rotación da Terra está inclinado lixeiramente, polo que as raiolas inciden con distinto ángulo segundo pasan as estacións. Será verán cando o Sol estea máis arriba no ceo, máis vertical, pois as raiolas inciden menos inclinadas e quentan máis. E será inverno na situación oposta. Como podedes ver, non ten que ver coa distancia entre a Terra e o Sol, que tamén muda ao longo do ano por ter forma de elipse o camiño terrestre. Curiosamente, nós en inverno estamos máis preto do Sol que no verán.

Esta didáctica imaxe recompila o punto do solpor ao longo dos 12 meses para comprender como muda a duración do día. Se pensamos que á dereita está o sur e á esquerda está o norte, coa liña central marcando o punto do oeste, os solpores da esquerda corresponden aos meses máis fríos (os días duran menos cás noites) e, os da dereita, aos máis cálidos e con máis tempo de luz que de escuridade. Adiviñade que época preferimos os astrónomos para saír ao monte observar o ceo.No horizonte están as illas Cíes, coa illa de San Martiño á esquerda, a de Monteagudo á dereita e a do Faro no medio, unida á anterior. As imaxes tiráronse desde cabo Estai (Vigo, Pontevedra). O punto cardinal do oeste coincide practicamente coa punta esquerda da illa de San Martiño, no centro da imaxe aproximadamente, aí por onde ten lugar o solpor nos equinoccios de outono e primavera. O autor empregou a súa Canon EOS 60D cun obxectivo Sigma 10-20, unha foto de cada mes a cabalo entre os anos 2021 e 2022.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Poderías gostar de...

Xa é primavera nos Ceos Galegos

Xa chegou a primavera ao hemisferio norte, o outono ao hemisferio sur. O equinoccio da primavera é un evento astronómico preciso que acontece ás 22:24

Un Sol con forma de estrela

Nalgunhas fotos o Sol parece unha estrela. Porque é unha estrela. De feito, os anglosaxóns aplícanlle un nome un tanto reiterativo: “sunstar” ou “sunburst”. Estamos

Forzas do ar, terra, mar e lume

Disque nesa pedrafita conflúen todas as forzas do Cosmos. Eis o fito de nome Marco do Vento, sen dúbida moi acaído. O lugar é senlleiro;

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2023