O cometa da imaxe descubriuse hai menos de dous meses. O máis abraiante é que o descubriu un astrónomo amador xaponés. Aínda hai espazo para os afeccionados á astronomía, nun mundo tan tecnificado, automatizado e cunha chea de telescopios enormes axexando as vinte e catro horas o ceo nocturno. Ademais, Hideo Nishimura empregou unha cámara réflex cun teleobxectivo e unha montura motorizada, un equipo relativamente modesto, conseguindo así que este cometa teña para sempre o seu nome: C/2023 P1 (Nishimura). Unha pequena recompensa á súa constancia vixiando o ceo.
Os primeiros días non se tiña moi claro de onde viñera o cometa. Tras amorearse as observacións doutros afeccionados e profesionais definiuse a súa órbita con bastante precisión. O cometa ten unha órbita elíptica periódica duns 430 anos. Por tanto, non debería ser a primeira vez que visitara a Terra pero parece que non se rexistou nada dos seus anteriores pasos.
Analizando o brillo, a variación durante as observacións, a estrutura da cola e resto de parámetros os primeiros estudos indican que pode tratarse dun fragmento grande dun cometa aínda maior que se partiu nunha anterior visita ao interior do Sistema Solar. Incluso especúlase que cando o cometa Nishimura dea a volta ao redor do Sol non supere esta viaxe, fragmentándose tanto que non quede nada del para rastrexar. Nós estamos a salvo, por suposto. No seu momento de máximo achegamento ao noso planeta estivo tan preto como o Sol. E se volve, pasarán máis de catro séculos.Tivemos a sorte que o noso cazador cósmico particular lle tirara varios retratos, entre eles este fermoso sobre o Pico Sacro, capturado para a posteridade. Foi a principios deste mes de setembro. O cometa verdea na parte inferior esquerda da imaxe, entre as nubes. O autor tirou cinco imaxes de 30 segundos de exposición para capturar o cometa que uniu con catro imaxes que tirou da paisaxe, coa súa Nikon D800 Ha modificada con ISO 1600 e o seu obxectivo Nikkor AIS ED IF 180.