Para que vale unha eclipse lunar?

A resposta curta: para nada.

A resposta menos curta: o espectáculo é sempre fermoso. Neste caso, foi unha eclipse parcial, pero tratar de vela entre as nubes das borrascas continuas desas semanas foi como acadar o primeiro premio nunha competición.

A resposta longa: na historia da humanidade a observación das eclipses lunares (e solares) permitiron comprender mellor o noso universo achegado. Axiña se puido deducir que os astros son esféricos, porque as sombras que provocaban nas eclipses tiñan esa forma. Con algo de trigonometría básica Aristarco de Samos calculou no século III a. C. os tamaños e distancia relativa da Lúa maila Terra. No século VII un bispo moi famoso, San Isidoro de Sevilla, recompilou todo o saber da súa época nun libro gordo chamado “De natura rerum”. O rei visigodo de turno, Sisebuto, contestoulle coa súa propia versión da mecánica celeste que permitía entender as eclipses de Lúa. No periodo álxido da astronomía árabe, durante gran parte da nosa Idade Media, a observación simultánea das eclipses lunares permitiu medir de xeito moi preciso as distancias entre as principais cidades, aquelas que contaban con observatorios e astrónomos.

O 28 de outubro de 2023 gozamos dunha eclipse parcial de Lúa. Non foi gran cousa para nós; apenas unha mordedela. Pero como non vai haber outro durante todo o 2024 houbo que se conformar, aínda que a meteoroloxía non acompañou. Na única imaxe que recibimos do fenómeno aprézase o paso de nubes por riba do satélite, que lle confiren un aspecto algo onírico.

Nota: si, en 2024 vai haber unha eclipse penumbral de Lúa, pero as eclipses penumbrais son tan esmiuzadas que nin sequera as incluímos no noso #CeosGalegos24 como efeméride. Quedan para verdadeiros afeccionados á astronomía.

Poderías gostar de...

Tres ducias de perseidas e moito máis

Unhas cantas horas de observación e 600 fotografías despois resultan nesta imaxe: máis de tres ducias de perseidas no mesmo cadro. Se prolongamos os ronseis

Auroras boreales galegas

Décadas agardando contemplar desde o país este fenómeno extraordinario remataron nas noites do 10 e o 11 de maio. Unha gran actividade solar xerou unha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024