Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a segunda, na que aínda se apreza o ronsel de ionización do refugallo cósmico.

Os meteoros das xemínidas son bastante especiais:

  • meteoros bastante lentos, cunha media de 35 km/s. Para que poidades comparar, máis ou menos a metade que os meteoros das perseidas. Con estes temos tempo de avisar aos compañeiros cando albiscamos un para que tamén eles o cacen.
  • creados polos refugallos do asteroide Faetón, en vez de polo paso dun cometa como adoita ser o máis normal.
  • picos que poden chegar ás 150 caídas por hora.
  • adoitan ser moi brillantes e incluso coloridos.

Que as xemínidas sexan en decembro, cunha meteoroloxía invernal, debera ser tamén un incentivo. As noites son máis limpas (en ausencia de borrascas, claro está) pois non hai presenza de calixe e ocorren afastadas da luz do solpor ou do mencer. Este ano coinciden ademais coa lúa nova ou crecente.

Na imaxe aparece a constelación de Orión, o cazador. Aprézanse as tres estrelas brillantes do seu “cinto” na parte superior e, xusto por baixo e case aliñado co ronsel meteórico, albiscamos unha manchiña: a nebulosa de Orión. Por riba de Orión é a esquerda da imaxe está a constelación dos Xemelgos. De aí parece proceder o meteoro e por iso levan ese nome.

O ronsel que vemos prodúcese na parte alta da atmosfera, entre 75 e 100 quilómetros de altitura. O fenómeno débese a presión de arrastre que exerce o aire da terra sobre o pequeno refugallo cósmico que o atravesa. Ao quentarse comeza a brillar formando ese regueiro de partículas fundidas e gases luminosos.

O autor obtivo a súa presa pasada a medianoite do xoves 14 de decembro, en Vila de Cruces (Pontevedra). Empregou uun obxectivo 35mm a 2500 iso con 5 segundos de exposición para a primeira imaxe e 10 para a segunda.

Poderías gostar de...

Auroras boreales galegas

Décadas agardando contemplar desde o país este fenómeno extraordinario remataron nas noites do 10 e o 11 de maio. Unha gran actividade solar xerou unha

Xa é primavera nos Ceos Galegos

Xa chegou a primavera ao hemisferio norte, o outono ao hemisferio sur. O equinoccio da primavera é un evento astronómico preciso que acontece ás 22:24

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2025