Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor alaranxada. Ata poderíamos pensar na lenda fundacional da cidade, ese Campus Stellae no que o Paio, no século IX, viu caer un meteorito e atopou os restos do apóstolo.

En realidade estamos a observar o planeta Mercurio cunha cola, fenómeno descuberto apenas hai uns anos.

Para captala hai que empregar un filtro de sodio, que permite captar as emisións tipicamente amarelas dese elemento. Ese sodio presente na tenue atmosfera de Mercurio fuxe da gravidade do pequeno planeta pola presión de radiación do Sol. O fenómeno descubriuse por primeira vez en 2001 aínda que xa se predicira quince anos antes. As observacións da sonda MESSENGER na década pasada parecen indicar que parte dese sodio se forma nalgunha das depresións xeolóxicas do planeta, liberado quizais polo impacto de micrometeoritos.

Conseguir fotografar este fenómeno está ao alcance de moitos astrónomos amadores xa que a técnica está descrita. Captar a cola de Mercurio nun lugar especial como este xa require ter un gusto especial, planificar con tempo, subirse ao monte Gaiás no mes de abril de 2023 e tirar 20 imaxes de 20 segundos de exposición para o ceo, con 5 imaxes adicionais de 4 segundos para a paisaxe. Para todas as imaxes o noso autor empregou a súa cámara Nikon D600 con ISO 800 mailo obxectivo Nikkor AIS ED IF 300 mm. A chave foi o emprego un filtro fotográfico laranxa O56.

A excelente imaxe forma parte de #CeosGalegos24. Impresa en papel loce espectacular.

Poderías gostar de...

Ás voltas co ceo estrelecido

Imaxinades ter ollos que foxen quen de rexistrar a luz que lles chega durante minutos? Pola noite descubrirïamos que o ceo xira ao redor das

Flores no ceo, flores na terra

Vistes as flores celestes? Máis ben son as flores cósmicas. Aí, no medio desa nube que se estrica en diagonal pola imaxe, semellan caraveis rosas.

O ano das auroras boreais galegas

Querido mañá, se cando leas isto eu xa estiver lonxe no tempo e no espazo que saibas que hai auroras inauditas coa rubién do que

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2025