AstroNovas. Imaxes abraiantes desvelan algúns segredos da formación planetaria

Discos de formación planetaria re-escalados para ter o mesmo tamaño aproximado e comparalos mellor.

Ata o momento coñecemos máis de 5000 planetas que orbitan outras estrellas diferentes ao noso Sol. En xeral, dicimos que son exoplanetas. A formación destes exoplanetas prodúcese nos discos de po e gas que se crean ao redor de estrelas novas, durante o seu propio periodo de nacemento.

De todos eses planetas apenas temos unha presa de imaxes. A súa existencia está comprobada, na maioría dos casos, de xeito indirecto por diversos métodos. O estudo de como se forman tamén é complicado, pois todos os coñecidos están en diferentes estadíos de madurez e forman sistemas planetarios do máis diverso, en comparación co noso Sistema Solar.

Un novo estudo sobre os discos de formación planetaria amosa unha diversidade abraiante, como se comproba na imaxe. Algúns discos de formación posúen brazos espirais enormes, probablemente debido ao baile dos planetas que orbitan a estrela e á súa atracción gravitacional. Outros amosan aneis ou enormes buratos de material escaravellados polos planetas formados. Porén, outros discos parecen quedos e alleos ao barullo que se agardaría.

Esta investigación levouse a cabo grazas ás imaxes captadas polo Telescopio Moi Grande ou VLT do Observatorio Europeo Meridional (ESO), ubicado en Chile. Observáronse máis de 80 estrelas mozas con planetas en formación no seu contorno próximo. Examináronre varias rexións onde se sabe que se están a formar estrelas e que están cheíñas de gas hidróxeno, o elemento que precisan. Así, exploraron as rexións denominadas Touro e Camaleón I (a uns 600 anos luz de distancia) e Orión (a uns 1600 anos luz). Participou un equipo científico con integrantes de máis de 10 países.

Os discos de formación planetaria esténdense a distancias equivalentes a centos de veces a distancia Terra-Sol. Porén, dada a distancia enorme das súas estrelas o desafío tecnolóxico para a súa observación é enorme. O equipo empregou un aparello denominado SPHERE, unhas siglas que veñen a significar algo así como Instrumento de Investigación Exoplanetaria de Alto Contraste por Espectro-polarimetría, acoplado ao telescopio. A súa sofisticación é tal que se poden detectar discos de material ao redor de estrelas dunha masa equivalente á metade da masa solar.

A nova orixinal: https://www.eso.org/public/images/eso2405a/

Poderías gostar de...

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024